O conxunto mariñao aspira á oitava Copa de Galicia tras vencer ao Marín Futsal esta tarde a pesar de sufrir 3 baixas de última hora
Burela, 4 de marzo, 2025. O conxunto feminino do Burela FS volveuse a enfrontar ao Ence Marín Futsal tres días despois do partido de liga da xornada 22, nesta ocasión, no encontro da semifinal da XVIII Copa de Galicia, celebrada ás 21.00h da tarde no pavillón municipal A Raña de Marín. Tras sufrir tres baixas de última hora, Dinha, Caridad e Cami, sumándose ás baixas xa previstas (Carolina Pedreira e Irene Samper), o conxunto mariñán dominou o encontro non dando tregua ás locais e indo ao descanso cun 1-3 nunha primeira parte na que o Marín perde máis que gaña xogando de cinco durante os segundos 10 minutos. Segunda parte con moita posesión do balón para o Burela aínda que menos goles.
Arrinca cun xogo máis igualado e manténdose o marcador durante os primeiros 10 minutos. Téntao o conxunto de More con xogo de 5 para catro, con Miriam de porteira-xogadora, intentando conseguir o primeiro gol antes do descanso, pero no minuto 12 Patricia róubaa e anota o 0-1 a portería baleira. Tras un dobre bloqueo de Ana Eliza nun ataque de 5 para 4 do Marín chega o segundo, da mellor xogadora do mundo e pichichi da liga, Emilly Marcondes, que regatea a defensa marinense e pica o balón por encima de Pinto anotando outro golazo para o seu palmarés. A dous minutos do descanso Cris Lourés consegue o 0-3 cun disparo raso cruzado que se coa na portería local. Tras a quinta falta do Burela, no minuto 19, as locais conseguen recortar distancias e un punto de esperanza antes do descanso anotando o 1-3, un gol de Gi Portes con xogo de 5.
A segunda parte comeza o xogo máis acougado, con xogo de balón, posesión do Burela, pero poucas ocasións, aínda que o adestrador do conxunto local opta por probar con xogo de cindo nas primeiras xogadas. O 1-4 será un golazo de Dany que regatea á súa marca, avanza e realiza un disparo raso de 10. Volve sacar More o xogo de 5 con Miriam de porteira-xogadora para os tres últimos minutos de xogo e case o consegue no 38 cun balón que pasa polo segundo pau pero que Morgana non logra materializar en gol. Remata o encontro cun resultado final 1-4.
Tras esta vitoria e a do Castro, que se enfrontou ao Poio Pescamar na outra semifinal, esta mesma tarde ás 20.30h, gañando por 4-1 na súa cancha, poderemos vivir a primeira final lucense de Copa de Galicia da historia, que se celebrará o día 17 de abril entre o FSF Castro Bloques Cando e o Burela FS e ao que nosas Pícaras irán convencidas a gañar o seu primeiro título da tempada.
Ficha Técnica Ence Marín Futsal 1-4 Burela FS
Ence Marín Futsal (1): Pinto; Patri Corral, Café, Gi Portes, Guida -quinteto inicial-, Miriam, Morgana, Lucía, Paula, Carol Agulla, Daniela, Aitana, Patri (ps).
Burela FS (4): Ana Eliza; Noelia Montoro, Antía Pérez, Débora, Emilly -quinteto inicial-, Cilene, Dany, Cris Lourés, Patricia.
Goles: 0-1, min. 12: Patricia. 0-2, min. 13: Emilly. 0-3, min. 18: Cris Lourés. 1-3, min.20: Gi Portes. 1-4, min.29: Dany.