Néstor Rego traslada a necesidade de que o Goberno mude de actitude e defenda os traballadores e traballadoras para garantir a actividade da planta e o mantemento dos postos de traballo
Madrid, 21 de marzo de 2025. Representantes do Bloque Nacionalista Galego mantiveron unha reunión co comité de empresa de Alcoa para abordar a situación da planta de San Cibrao. Ante a situación actual, o BNG reclama ao Goberno do Estado transparencia para coñecer de forma pública o Memorando de entendemento asinado coa empresa e desenvolver todas as actuacións necesarias que garantan a continuidade da actividade na planta da Mariña e o mantemento dos postos de traballo.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denuncia a falta de transparencia no Memorando de entendemento asinado entre a empresa, o Goberno e a Xunta. “Non é público e, ademais, non foi dado a coñecer ao comité de empresa, mais polo que se sabe implica non respectar os compromisos alcanzados cos traballadores e traballadoras en relación aos investimentos pendentes, especialmente a construción do forno de ánodos” asevera.
Rego critica a actitude do Ministerio de Industria que semella buscar unha saída coa empresa abandonando os traballadores e sen garantir a continuidade da actividade produtiva. Alerta, ademais, de que esta situación podería desembocar nunha desindustrialización semellante á xa vivida en Alcoa A Coruña e Alcoa Avilés, co fechamento definitivo das instalacións.
“O BNG entende que existen solucións viábeis para garantir a subministración de enerxía á planta mentres non se materializan as PPAs (Power Purchase Agreements) previstas” afirma o deputado nacionalista. De facto, segundo os datos máis recentes sobre a produción eléctrica galega, máis de 40% da enerxía xerada na Galiza é exportada a outras comunidades, polo que “hai enerxía suficiente dispoñíbel para asegurar a continuidade da actividade”.
O BNG, ante esta situación, demanda ao Goberno unha rectificación e exixe un cambio de actitude en favor dos traballadores e traballadoras. “Debe obrigar a Alcoa a cumprir cos compromisos adquiridos, garantindo os investimentos necesarios para a viabilidade da fábrica” subliña Rego. Neste sentido, o BNG propón ademais que o executivo explore mecanismos de financiamento, como a concesión de créditos reembolsábeis, para asegurar que a empresa realice os investimentos comprometidos.
Así mesmo, a formación nacionalista destaca a necesidade de que calquera acordo inclúa aos traballadores e traballadoras das empresas auxiliares, garantindo a a protección ao emprego até decembro de 2026, data até a que Alcoa asegura manter o emprego directo.
Sempre hai unha última opción: a intervención pública
Por último, Rego lembrou que, se fose necesario, a SEPI debe estar preparada para intervir a empresa e asegurar a continuidade da actividade industrial. “Non imos permitir que se repita a situación vivida noutras plantas de Alcoa. O Goberno debe actuar con determinación e poñer por diante os intereses da industria e dos traballadores e traballadoras” conclúe.