Fai un chamamento aos concellos e á sociedade mariñá para participar na manifestación en defensa da Sanidade Pública o 6 de abril en Santiago
A Mariña, 26 de marzo, 2025. Despois de que a sociedade mariñá se manifestase masivamente en Viveiro o pasado domingo en contra do desmantelamento da sanidade pública na mobilización convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña, o BNG está presentando en todos os concellos da comarca unha moción que recolle as reivindicacións da Plataforma expostas no manifesto lido o domingo 23 de marzo en Viveiro.
Apoio das corporacións mariñás ás reivindacións da Plataforma
O obxectivo desta iniciativa é conseguir o apoio unánime de todas as corporacións mariñás ás xustas reivindicacións da Plataforma, que son tamén as reivindicacións da veciñanza de todos e cada un dos concellos da comarca que en máis dunha ocasión, e a través de concentracións e de todo tipo de mobilizacións, accións e reclamacións tenen manifestado xa o seu descontento e indignación coa xestión da sanidade pública, tanto na atención primaria coma na hospitalaria, por parte do Partido Popular no Sergas e na Consellería de Sanidade.
“Esta nefasta xestión da sanidade está prexudicando gravemente a saúde e a economía dos mariñaos e mariñás que ven como se reducen día a día os servizos no Hospital de Burela con derivacións contínuas a Lugo, coma se se fixese unha viaxe no tempo corenta anos atrás, e tamén coas contínuas faltas de médicos en moitos centros de saúde” manifestou o responsable comarcal Antonio Veiga.
O domingo 6 de abril, manifestación en Santiago
O BNG pide tamén apoio para a manifestación nacional en defensa da Sanidade Pública que terá lugar en Santiago de Compostela o domingo 6 de abril convocada por SOS Sanidade Pública e para a que a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña organiza un servizo de autobuese para facilitar a asistencia masiva desde a comarca.