Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG denuncia o bloqueo do Observatorio das Mulleres do Mar e a redución da súa representatividade por parte da Xunta

O BNG advertiu que o goberno do PP incumpre os compromisos adquiridos para garantir a igualdade no sector do mar

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2025. A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Carmela González, denunciou hoxe no Parlamento galego a inacción do goberno do PP na posta en marcha do Observatorio das Mulleres do Mar, aprobado por unanimidade o 9 de marzo de 2022 e posteriormente incluído na Lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galiza, grazas a unha emenda do BNG.

González lembrou que “pasaron máis de tres anos desde o acordo plenario e máis dun ano desde a aprobación da lei e seguimos sen saber nada da súa creación”. A deputada nacionalista criticou que, lonxe de avanzar na súa posta en funcionamento, o goberno do PP modificou pola porta de atrás a composición do observatorio, reducindo a representación das mulleres do sector e excluíndo ás persoas expertas de recoñecido prestixio, necesarias para que o órgano cumpra o seu obxectivo de lograr a igualdade no sector do mar.

“Excluír ás persoas expertas significa converter este observatorio nunha ferramenta inútil, simplemente unha fachada para dicir que se fai algo cando en realidade non se fai absolutamente nada”, afirmou González.

A deputada tamén criticou a falta de garantías na representación das organizacións nas que as mulleres son maioría, como as mariscadoras, redeiras ou traballadoras do sector da conserva. “Pensa vostede, conselleira, que a Federación Galega de Confrarías pode representar á totalidade das mulleres do mar?”, cuestionou.

A parlamentaria do BNG subliñou que a invisibilización das mulleres no sector pesqueiro galego é unha realidade persistente que debe ser corrixida con medidas concretas. “A igualdade non se acada reducindo espazos de participación das mulleres, senón fomentando a súa presenza nos órganos de decisión”, engadiu.

Para o BNG, esta actuación do Partido Popular reflicte “un negacionismo machista inaceptable”, creando organismos supostamente dirixidos á igualdade das mulleres pero impedindo a súa participación real. Carmela González concluíu exixindo á Xunta de Galiza que rectifique de inmediato e garanta a presenza das mulleres do sector na composición do observatorio, así como a súa posta en marcha efectiva, tal e como foi aprobado polo Parlamento galego.

Exit mobile version