Daniel García: “A falta de médicos non a inventamos nós, este luns non houbo ningún medico no centro de saúde de Foz”
Lugo, 25 de marzo de 2025. A falta de persoal e recursos da sanidade pública centrou o debate no pleno celebrado esta mañá na Deputación de Lugo, onde o BNG denunciou unha vez máis as consecuencias da xestión do Partido Popular á fronte da Xunta de Galicia.
Especial atención recibiu a situación na comarca da Mariña, que o pasado domingo acolleu unha mobilización multitudinaria en defensa de melloras na atención primaria e hospitalaria, con 5.000 persoas, convocadas pola Plataforma Sanitaria da Mariña, nas rúas de Viveiro.
O deputado Daniel García subliñou o éxito da mobilización fronte aos intentos do Partido Popular de “silenciar, ocultar e manipular as reivindicacións da sociedade”. “A falta de médicos non a inventamos nós”, dixo o responsábel provincial que expuxo a realidade da atención no hospital e nos centros de saúde. “Este luns (24 de marzo) non houbo ningún médico no centro de saúde de Foz. Un concello de 10.000 habitantes. Isto é unha vergoña”, sentenciou.
No decurso do debate, no que se aprobou unha moción do BNG en apoio á mobilización nacional convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública o vindeiro 6 de abril en Compostela, o deputado nacionalista acusou ao Partido Popular de “non estar a altura na defensa de servizos públicos de calidade para os mariñaos e mariñás” e de ir o pasado domingo a Viveiro (a unha comida de partido) “a defender os intereses de Mariña Gueimunde e non os da Mariña Lucense “.
Débeda pública
O pleno provincial tamén aprobou unha iniciativa que insta ao goberno galego a aceptar a condonación de 4.100 M€ de débeda pública recollida no acordo entre BNG e PSOE para a investidura do goberno do Estado.
O deputado e vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro recordou que a aplicación deste acordo suporía reducir a débeda pública de Galiza un 33% e aforrar 570M€ en intereses, e criticou que o Partido Popular en Galiza se posicione en contra desta medida por subordinación ás ordes de Feijóo desde Madrid.
“Pactar con Voz medidas racistas e medidas negacionistas do cambio climático. Coa ultradereita, si, Pero pactar co BNG medidas que benefician a Galiza, non. Esa é unha liña vermella para os grandes xestores do partido Popular”, ironizou o vicepresidente da Deputación de Lugo.
A moción, aprobada cos votos a favor de BNG e PSOE, solicita tamén que a Xunta de Galiza invista o diñeiro aforrado coa condonación en mellorar os servizos públicos de sanidade, educación e atención a dependencia.
O PP rexeita concertar prazas na residencia de Becerreá
O Partido Popular rexeitou unha emenda do goberno provincial que pedía á Xunta de Galiza a concertación de prazas no Centro de Atención a Maiores de Becerreá, pechando a porta a colaborar no financiamento das prazas da residencia da rede provincial.
O Partido Popular descartou así o modelo de colaboración que si mantén con centros privados -financiando, nalgúns casos, ata o 80 por cento das súas prazas – e que comprometeu para as futuras residencias da Deputacíon de Lugo, certificando que “o seu interese polos prezos que paguen os veciños e veciñas de Becerreá é cero”, sinalou o deputado e vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro, que afondou nas cifras da discriminación do público e de Lugo por parte do Partido Popular na Xunta de Galiza.
“De cada dez prazas pública que oferta a Xunta de Galiza, 8 están concertadas con outros centros. Na provincia de Lugo, ningunha delas en centros públicos, nin nas residencias da rede provincial, nin nas residencias municipais de Sarria e Foz. Só concertan cos centros privados, onde teñen as portas xiratorias e onde poden facer negocio coa vellez desta provincia”, expuxo o responsable provincial.“Non lles preocupan nada os veciños, só queren desgastar este goberno e eludir a súa responsabilidade na Xunta de Galiza”, concluíu.
A proposta ,que se presentou como emenda no debate dunha moción popular sobre os custo das prazas no centro, solicitaba a colaboración da Xunta de Galiza para establecer axudas para financiar, conxuntamente coa Deputación, o cento por cento das prazas da residencia.