Os nacionalistas advirten sobre este tipo de prácticas oportunistas e de auto-bombo, sinalando a falta de dinamismo do goberno do PP, que os leva a inaugurar instalacións xa abertas ou a promover como novidades políticas, programas ou políticas que levan tempo implantadas no municipio
Xove, 17 de marzo de 2025. Esta fin de semana o equipo de goberno do Concello de Xove inaugurou as áreas de autocaravanas tanto do centro de Xove como a da praia de Esteiro. Algo que xa viñeron anunciando ao longo da semana e que dende o BNG ven como un engano. “Para nós este tipo de anuncios son un engano. A área da praia de Esteiro leva aberta dende marzo do ano 2021 e a área de Xove leva operativa dende xuño de 2024, cando se inaugurou o parque multideportivo, recordemos, en plena xornada electoral” afirman os nacionalistas.
Ás présas e coa improvisación habitual
A área de Xove leva operativa dende que inauguraron o parque multideportivo o día 9 de xuño coincidindo coas eleccións europeas e, incluso, figura dende hai tempo na páxina Turismo de Galicia. “Inauguraron o parque multideportivo en xornada electoral e, nas notas de prensa daqueles meses, xa se incluía a operatividade da área de autocaravanas” afirma a voceira Pilar Vázquez. “Ademáis, esa présa para a inaguración levou a unha serie de deficiencias no seu funcionamento que agora hai que arranxar como os problemas de drenaxe de auga na propia finca, unha mala planificación ou deseño das prazas de aparcamento nas que, entre outras, pódense atopar unha árbore ocupando boa parte dela ou, simplemente, a inutilidade da rotonda interior que aprobaron para que as autocaravanas ou outros vehículos podan dar a volta unha vez baleiren os depósitos” prosigue Vázquez.
Unha boa xestión e planificación dos cartos das veciñas de Xove
Non é a primeira vez que o equipo de goberno ten que emendar erros de obras aprobadas por eles mesmos e que acaba implicando un gasto maior do previsto. Os nacionalistas levaron tamén ao Pleno de febreiro rogos relativos ao estado da propia contorna do parque e mesmo xa o teñen feito sobre a área de autocaravanas de Esteiro. “Nese sentido, o que nos gustaría é que o goberno local lle chamase ás cousas polo seu nome, que inaugurase as obras en prazo, non catro anos depois e, sobre todo, que planifique e supervise ben as obras que contratan para que non se malgasten cartos públicos que non deixan de ser de todos os veciños de Xove” conclúen.