Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Viveiro critica a mudanza de criterio de Portos e denuncia o trato discriminatorio da Xunta ao municipio

Viveiro, 13 de marzo, 2025. A voceira do BNG de Viveiro, Míriam Bermúdez, cualificou de “inaceptable” o cambio de postura de Portos de Galiza sobre o arranxo do peirao de Viveiro, coincidindo co cambio de goberno municipal. “Queda demostrado que a Xunta de Galiza foi cómplice dun plan premeditado para prexudicar a Viveiro, negándonos investimentos esenciais e privando á veciñanza dos recursos que lles corresponden”, afirmou Bermúdez.

A tenenta de alcaldía no anterior goberno lembrou que, durante o seu mandato, o Concello de Viveiro solicitou ata en tres ocasións unha reunión con Portos por escrito, sen obter ningunha resposta. Ante o silencio institucional, “tivemos que desprazarnos sen cita previa á súa sede en Compostela para que nos recibisen e tratar asuntos esenciais para o municipio”. Nesa xuntanza, o propio presidente de Portos asegurou que non existía partida orzamentaria para o arranxo do peirao, que asfaltar a zona non era unha prioridade e que as inversións debían estar vinculadas exclusivamente á actividade marítima. Ademais, mesmo se lle chegou a ofrecer ao Concello a cesión do uso do peirao no estado de abandono no que se atopa, a pesar de ser conscientes de que a administración local non dispoñía dos fondos necesarios para a súa recuperación.

“Agora, apenas un día despois de que a nova alcaldesa do PP tome posesión, non só reciben a súa solicitude sen demora, senón que, coma por arte de maxia, aparecen 215.000 euros para executar unhas obras que antes eran imposibles”, denunciou Bermúdez.

Para a voceira do BNG, esta situación confirma as sospeitas do seu grupo: “A Xunta non investiu en Viveiro nin un só euro porque o goberno municipal non era do Partido Popular. E iso non é gobernar para todas as galegas e galegos, é utilizar os recursos públicos de forma partidista e sectaria, roubándolle aos viveirenses o que lles pertence”.

Bermúdez asegurou que o BNG non vai calar ante este tipo de discriminacións e seguirá denunciando todas as manobras da Xunta que prexudiquen os intereses de Viveiro. “O que non fixeron en vinte anos, agora van vendelo como grandes investimentos. Pero a veciñanza non esquece nin se deixa enganar”, concluíu.

Exit mobile version