Ribadeo, 21 de marzo, 2025. O BNG de Ribadeo propón ao goberno municipal que solicite ao Bispado o arranxo da capela da Atalaia, para así finalizar a reforma iniciada por petición do anterior alcalde Fernando Suárez. A actuación consistiría en repoñer a cuberta de cal exterior que protexe a estrutura do edificio, como xa estaba previsto. Naquel momento a actuación non finalizou por falta de orzamento.
Segundo o voceiro do BNG de Ribadeo, Pablo Vizoso: “Nos últimos días, por medio de estudosos da historia local de Ribadeo, recibimos o aviso de que a estrutura da capela da Atalaia está sufrindo un deterioro importante ao non ter o revestimento en cal que protexe este tipo de edificacións históricas. Segundo indicaron desde o Bispado, no seu momento non se rematou a obra por falta de orzamento, pero consideramos que o tempo pasou e cada vez se fai máis necesario acometer esta actuación. Desde o BNG propoñémoslle ao goberno municipal que solicite este arranxo para así, entre todos, conservar o patrimonio ribadense de xeito decidido. Tamén presentaremos unha moción no pleno e solicitaremos a información do expediente para ver se a través das licenzas e documentación se pode facer presión”.
Así mesmo, engadiu Vizoso: “Agardamos que o goberno municipal recolla a nosa proposta e a traslade, tan pronto como se poida, ao Bispado a petición de inicio desta actuación tan necesaria. Coidar o noso patrimonio é algo fundamental, debemos recordar que a capela da Atalaia é un dos edificios relixiosos máis antigos de Ribadeo. Ogallá poidamos conseguilo entre todos e todas”.