Ribadeo, 25 de marzo, 2025. Ante a celebración dun acto de promoción das árbores con alumnado dos colexios Gregorio Sanz e Sagrado Corazón, no que o alcalde de Ribadeo, o concelleiro de Medio Rural e a concelleira de Turismo deron explicacións á picaraxada da importancia das árbores nas nosas vidas, desde o BNG de Ribadeo queremos lembrarlle ao actual goberno municipal que tan importantes son as árbores plantadas este Día da Árbore e da Auga, como as que había no patio do Gregorio Sanz e ordenou cortar sen criterio ningún.
É máis: parte das árbores cortadas indiscriminadamente precisamente foran plantadas nun Día da Árbore.
A todas as persoas que asistimos ao pleno extraordinario convocado a iniciativa da oposición, “e no que tivemos que soportar as respostas cínicas dadas polo goberno municipal sobre a corta indiscriminada de árbores, e as que ten en mente cortar, cáenos a cara de vergoña ver como Daniel Vega, Marta Sanz e Diego dos Santos sacaron unhas fotos nun día coma este presumindo de conciencia ecolóxica, pero, pola contra, non tiveron nin o máis mínimo reparo en cortar árbores maduras no patio do Gregorio Sanz. A iso chámaselle hipocrisía. E tamén oportunismo. A actitude mostrada coa corta caprichosa das árbores é cruel; o cinismo no acto do Día da Árbore e da Auga sobarda todos os límites: máxime se lembramos que parte das árbores cortadas á mantenta foron plantadas nun día no que se supoñía que había que espertar a conciencia ecolóxica. Imos aviados con estes concienciadores!”.