Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Ribadeo denuncia que “o malgasto do PP provoca a perda de convenios como o do Parque dos Indianos”

Ribadeo, 13 de marzo, 2025. O BNG de Ribadeo ven de denunciar que o Concello perdeu un convenio asinado coa Xunta de Galicia para a renovación da contorna do Parque dos Indianos ao non poder poñer 12.000€ do total de 47.000€. Este convenio caducou o 31 de decembro de 2024 sen que o Concello de Ribadeo fixera a súa achega económica, caendo o convenio e quedando sen levar a cabo esa actuación.

Segundo o voceiro do BNG de Ribadeo, Pablo Vizoso: “Levamos meses alertando sobre a situación económica á que está levando o concello o goberno do PP. Co paso do tempo imos comprobando que o malgasto acaba tendo consecuencias no día a día, e neste caso podemos ver un triste exemplo. O convenio para a renovación da contorna do Parque dos Indianos decaeu porque o concello non puido achegar os 12.000€ que lle correspondían para poder realizar as obras. Volvo repetilo: a mala xestión sempre ten consecuencias. Non serve de nada asinar convenios se despois o concello non é quen de asumir unha pequena porcentaxe desa inversión”.

Ademais, Vizoso engadiu que: “Chegamos ao punto de que o goberno municipal tivo que solicitar un crédito de case un millón de euros a finais do ano 2024 para poder optar a subvencións e convenios e pagar parte do gasto pendente ao ter as contas municipais completamente baleiras. Pero a mala xestión non é só económica; no caso da contorna do Parque dos Indianos atopámonos con que, desde outubro do ano 2023, deixaron a medio facer e mal a rúa que atravesa da Avenida de Galicia ao propio Parque, cunhas beirarrúas inaccesibles. Desde o grupo municipal do BNG solicitamos que se finalice ben e dunha vez por todas esta actuación e se faga o necesario para que o goberno cumpra co anuncio feito hai seis meses”.

Exit mobile version