Ribadeo, 27 de marzo, 2025. O BNG de Ribadeo alerta de que o goberno municipal perdeu outra subvención da Xunta de Galicia cun importe de 32.865€ correspondente á axuda da AGADER do ano 2024 por presentar a documentación xustificativa fóra de prazo. “Esta perda súmase á do convenio para o arranxo do Parque dos Indianos, sumando case 80.000€ perdidos en subvencións no ano 2024, que saibamos neste momento. No caso da AGADER o asunto é máis grave porque o gasto xa está feito, co detrimento económico para o Concello que iso conleva”.
O voceiro do BNG de Ribadeo, Pablo Vizoso explica que: “Hai unhas poucas semanas tivemos constancia da perda do convenio para o arranxo do Parque dos Indianos, por un importe duns 47.000€, que o alcalde asinou e anunciou en outubro do 2024 porque o Concello non puido achegar a súa parte de 12.000€. A semana pasada, revisando os decretos da alcaldía, atopámonos con que o Concello non presentou en tempo e forma a documentación xustificativa dunha subvención de 32.865€ concedida pola Axencia Galega de desenvolvemento Rural do ano 2024 para o arranxo de camiños. O gasto fíxose, pero ao incumprir a lei de subvencións o Concello viuse obrigado a devolver o importe”.
Vizoso engadiu: “Con esta, e que saibamos neste momento, o Concello xa perdeu uns 80.000€ en subvencións durante o ano 2024. De nada serve que dean axudas se non son capaces de xestionalas. Levan case dous anos gobernando e demostran unha e outra vez que non son capaces de xestionar o que teñen entre as mans. Este goberno sáenos moi caro a todos e a todas as ribadenses”.