“Por unha sanidade de calidade próxima ás persoas”
A Mariña, xoves 20 de marzo 2025. O BNG convida a toda a comarca á manifestación que vai ter lugar en Viveiro o vindeiro domingo 23, convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña baixo o lema “Pola resurrección da nosa sanidade”. A situación de desmantelamento que sufre a sanidade pública avanza a pasos de xigante nos últimos anos, acelerándose desde que hai oito anos o Partido Popular eliminou a Área Sanitaria da Mariña, procedendo á reducción progresiva de moitos servizos que antes se ofrecían na comarca obrigando agora aos doentes a acudir a Lugo. Servizos que se resinten, coma as panorámicas dentais, as densitometrías, dixestivo, uroloxía, medicina interna….unha sola ambulancia medicalizada para toda a Mariña…..e un longo etc. de servizos que están quedando en cuadro provocan o conseguinte malestar entre a cidadanía mariñá e tamén múltiples reclamacións dos doentes.
Desmantelamento da Atención Primaria
En canto á Atención Primaria, na comarca está prácticamente desmantelada, tanto a nivel de recursos económicos coma humanos con repetidas ausencias de médicos en moitos centros de saúde que o Sergas cubre temporalmente ou por horas, e nunca na súa totalidade. A este tema referíuse o deputado mariñao Daniel Castro afirmando que “esta situación na Mariña é insoportable por mais tempo e o PP tén que darse conta de que non poden seguir xogando coa nosa saúde, porque eso é o que está facendo e por riba deso ainda ríndose de nós cada vez que levamos iniciativas ao Parlamento denunciando as situacións que se viven en case todos os concellos, e poño por caso os máis recentes: Viveiro, Ourol, O Vicedo, Muras, Riotorto, Ribadeo…”.
Máis Atención Primaria. Máis Atención Hospitalaria. Máis Sanidade Pública
Os nacionalistas fan súas tamén as reivindicacións de colectivos coma SOS Sanidade Pública ou da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña que convoca esta mobilización, plataforma da que o BNG forma parte, e demanda tamén Máis Atención Primaria, con Centros de Saúde de PACs dotados de persoal suficiente de todas as categorías, Máis Atención Hospitalaria coa utilización plena dos recursos e acabando coa política de concertación coa privada, plans para reducir as listas de agarda e a non ocultación das mesmas. “Son moitas as cousas que se está xogando esta comarca da Mariña nos últimos anos, pero a máis desesperante é a situación da sanidade, porque levamos anos reclamando o incremento do orzamento sanitario público, recuperar os servizos privatizados e o que é crucial e máis importante: recuperar a nosa Área Sanitaria que o PP eliminou e agora estanse vendo as consecuencias deso, entre elas as derivacións a Lugo, que non só é unha viaxe a Lugo, é unha viaxe no tempo catro décadas atrás” manifestou o responsable comarcal Antonio Veiga.
O domingo 23, tod@s a Viveiro
Castro e Veiga animan a toda a poboación mariñá a acudir masivamente a Viveiro o domingo 23 para frear esta situación, porque é a única forma de parar o desmantelamento, e tal como como venen facendo xa veciñas e veciños de diversas localidades coma O Vicedo, Muras, Ourol, Viveiro, Trabada, O Valadouro, A Pontenova, Ribadeo… en numerosas mobilizacións a nivel local.
Míriam Bermúdez chama a mobilizarse
Desde a cidade do Landro, a voceira municipal afirma que: “Agora mesmo faltan catro médicos de familia no centro de saúde. Polas tardes, os poucos que hai están sobrecargados, e a pediatría está ao cincuenta por cento, con só unha das dúas prazas cuberta. Levamos máis de dous anos nesta situación e a atención sanitaria segue deteriorándose”, denuncia Míriam Bermúdez. “As esperas para unha consulta ordinaria son longuísimas. Queremos que, como marca a ILP, non superen as 48 horas. Queremos unha sanidade que nos atenda cando a necesitamos”.
Por iso, este domingo 23 de marzo ás 12:00h, a Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña convoca unha mobilización. “A saída será desde a Cruz Vermella. É o momento de esixir solucións!”, destaca Bermúdez.
“Merecemos unha sanidade pública digna, con máis persoal, máis medios e unha atención de calidade. Necesitamos que en Viveiro haxa os 8 médicos de familia que nos corresponden, que a pediatría funcione ao 100% e que o servizo de enfermería estea reforzado. Queremos unha sanidade que nos atenda cando a necesitamos, sen esperas inxustificadas nin sobrecarga para os profesionais”, insiste.
Míriam Bermúdez lembra que “todas e todos nos indignamos ao acudir ao ambulatorio e ver como a situación vai a peor. A sanidade é un dereito, non un negocio. Non podemos permitir que sigan recortando mentres a veciñanza sofre as consecuencias”.
Tamén apunta á responsabilidade do goberno local: “A nova alcaldesa do Partido Popular terá que decidir se está coa súa xente ou co seu partido. Polo de agora, xa dificultou a realización da mobilización denegando á plataforma o uso da megafonía. Verémola este domingo defendendo unha mellor sanidade para Viveiro ou seguirá xustificando os recortes?”.
“Este domingo haberá quen prefira os intereses do seu partido á defensa dunha mellor calidade de vida para a súa xente. Nós témolo claro: a sanidade non se vende e a saúde non debe ser un privilexio”, conclúe Bermúdez.