Trabada, 20 de marzo de 2025. O Concello de Trabada denuncia a situación tan preocupante que está a sufrir o servizo de atención primaria do municipio. A Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia non cubriu a praza do profesional que se xubilou hai uns meses. Actualmente, a atención médica no centro de saúde de Trabada está a ser cuberta con horas soltas, de xeito que algúns días hai servizo pola mañá, outros pola tarde e noutros casos directamente non hai médico dispoñible.
O alcalde de Trabada, Rubén García Freije, denuncia esta situación: “É unha auténtica vergoña o que a Xunta de Galicia nos está a facer a tódolos veciños e veciñas de Trabada. Están a cubrir en horas soltas o servizo para poder dicir que prestan atención médica todos os días, cando en realidade non se está garantindo un servizo continuo nin de calidade”.
Ademais, o rexedor advirte do elevado custo que supón esta situación: “Cando o médico acode polas tardes, contratan unha enfermeira a maiores, incrementando aínda máis os gastos sen ofrecer unha solución real ao problema”.
O Concello tamén denuncia que a Xunta pretende que os profesionais sanitarios asuman máis horas das que lles corresponden, ofrecéndolles simplemente un pago adicional como compensación. “A forma na que lles piden que fagan máis horas é dicíndolles que ‘van cobralas moi ben’. É inadmisible o que está a facer a Xunta de Galicia”, critica Rubén García.
Desde o Concello de Trabada esíxese a cobertura inmediata da praza do médico xubilado, para que o municipio poida contar con dous facultativos, garantindo así unha atención sanitaria estable. “Se non temos dous médicos, cando un deles se ausente quedamos desprotexidos. Somos un concello cunha poboación moi envellecida e cun centro de maiores onde residen 39 persoas que precisan asistencia médica habitualmente. A Xunta de Galicia non pode seguir ignorando esta realidade”, conclúe o alcalde.