Foz, 28 de marzo de 2025. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, sae ao paso das declaracións do senador Balseiro e do voceiro municipal popular, Javier Castiñeira, sobre a variante de Foz e as actuacións que está a acometer o goberno do Estado: “se non queren axudar, polo menos que non mintan sobre a Nacional 642”.
“O Partido Popular busca titulares, nós buscamos xestionar e intentar dar o mellor servizo aos veciños. Se os señores Balseiro e Castiñeira non me cren, só teñen que ler o Boletín Oficial do Estado. O 14 de decembro de 2024 publicouse no BOE a adxudicación definitiva á empresa MISTURAS SA do contrato de servizos para a conservación e o mantemento de firmes de estradas do Estado nas provincias de A Coruña e Lugo para o período 2024-2027, por un importe de 12,18 millóns de euros, IVE incluído. Ata aquí o publicado no BOE, un dato irrefutable. As xefaturas definen as zonas a reparar con este contrato e cónstanos que a variante de Foz está incluída. Isto é xestionar, o resto é palabrería”, explica Fran Cajoto.
O rexedor focego engade: “espero que o señor Balseiro non se atreva a dicir que grazas á pregunta de hai uns poucos días se arranxou ningunha estrada. Sinceramente vendo a interpelación que lle fixo ao ministro de Óscar Puente está claro que descoñece absoluta e completamente as infraestruturas da provincia, sexa ferrocarril ou estrada. Se non lee o BOE, polo menos que nos pregunte aos representantes de cada concello. Os mariñáns queremos tamén saber algo sobre a variante de Viveiro, a ver se nos informa a Xunta”.