Foz, 17 de marzo de 2025. Acia Foz-CCA sorteará o 24 de marzo 500 euros en vales de compra na campaña do día do pai, que arrincou o 10 deste mes e que se prolongará ata este mércores, día 19.
O presidente de Acia Foz-CCA, José Carlos Paleo, explicou na presentación que “aquelas persoas que fagan as súas compras, entre os días 10 e 19 deste mes, por importes superiores a 10 euros nos comercios do CCA están a recibir papeletas para participar no sorteo de 500 euros en vales de compra, que realizaremos o 24 de marzo en Radio Foz. En xogo poñeremos 5 premios de 100 euros cada un deles”.
Paleo lembrou que “no comercio de Foz van poder atopar todo o que precisan para agasallar aos papás, aos Pepes e ás Pepitas. E toca celebrar esta xornada na hostalería local, en familia e cos amigos”.
O director xeral de Comercio, Gabriel Alén, que asistiu á celebración da Mesa Local de Comercio, apoiou coa súa presenza a campaña de Acia Foz-CCA. Xunto a el estiveron o alcalde de Foz, Fran Cajoto, a concelleira de Comercio, Kathy Navarro, e o presidente de Acia Foz-CCA, José Carlos Paleo.
Acia Foz-CCA organiza esta campaña coa colaboración de Xunta de Galicia e do Concello de Foz.