Ribadeo, 25 de marzo de 2025. Non haberá Queima do Antroido en Ribadeo. Así o decidiron esta mañá a comisión organizadora e o Concello, que explican que “tras dous aprazamentos por mor do vento e da choiva, chegamos á conclusión de que estamos moi fora de data para proceder a queimar o Antroido. Nun primeiro momento pensamos en facelo este vindeiro venres, pero o tempo do Carnaval rematou, xa estamos todos noutras cousas. Moita xente xa gardou os disfraces. Entón pensamos que é mellor deixalo para o vindeiro ano”.
E engaden: “intentar intentámolo primeiro o 8 de marzo e despois o 22, pero a meteoroloxía mandou e non puidemos culminar como se merece o Antroido de Ribadeo. Queremos agradecer a colaboración e a predisposición das charangas do noso pobo para acompañarnos nesta cita, pero desde a comisión organizadora e desde o Concello damos por rematado o Carnaval deste 2025. Grazas ás persoas que nos axudaron estas semanas para que todas as actividades se desenvolvesen con normalidade. O traballo seguirá para recadar fondos para a vindeira edición do Antroido de Ribadeo”.