Viveiro, 25 de marzo de 2025. O Concello de Viveiro designa ao axente Germán Bouso como novo xefe temporal da Policía Local.
O seu nomeamento, asinado este luns pola alcaldesa, Mariña Gueimunde, ten carácter temporal -conforme ao disposto no artigo 27.5 da Ley 4/2007, de 20 de abril, de coordinación de policías locales de Galicia- en tanto non se proceda á cobertura ordinaria da praza de xefatura.
Gueimunde explica que “o nomeamento se produce despois de varias reunións cos axentes, representantes sindicais e xefe de persoal” nas que “todos se amosaron colaboradores”.
A normativa establece que lle correspondería a cobertura temporal da xefatura ao funcionario que da mesma categoría e, senón, á inmediatamente inferior atendendo a criterios de mérito e capacidade.
Establecido un prazo de cinco días hábiles para que calquera axente da plantilla se postulara como voluntario para ostentar a xefatura, non houbo ningunha inscripción voluntaria. Polo tanto, procedeuse a formular unha proposta na que se tivo en conta o policía local que tivera atribuído as funcións de mando en períodos de ausencia do funcionario que viña ostentando temporalmente a xefatura.
Tras comunicar a decisión á totalidade da plantilla en servizo aos que se lles informou que apertura dun prazo de dous días hábiles para formular alegacións e non ter recibido ningunha, a alcaldía, no cumprimento das súas funcións, resolve o nomeamento do policía local Germán Bouso como novo xefe temporal da Policía Local.
A rexedora considera “fundamental recuperar a normalidade no funcionamento do corpo da Policía Local de Viveiro, un servizo que conta con todo o noso recoñecemento. Viveiro precisa que todo funcione dentro da normalidade”. No caso deste servizo, lembra que “entre as súas funcións se atopan as de velar e controlar o cumprimento de ordenanzas, bandos e outras normas de competencia municipal”.
Mariña Gueimunde defende, ademais, que “é primordial contar co servizo en funcionamento ás portas dos actos de Semana Santa, unha data moi importante para Viveiro, e tamén ás portas da temporada de verán na que o noso concello multipla a súa poboación”.