“Día da muller, antes denominado Día Internacional da Muller Traballadora, conmemora o 8 de marzo a loita das mulleres pola súa participación na sociedade e no seu desenvolvemento íntegro como persoa, en pe de igualdade co home”, “ o 8 de marzo, millóns de mulleres de todo o mundo sairán ás rúas por e para a igualdade” ou “ o tema deste ano reivindica ampliar a igualdade de dereitos,o poder e as oportunidades para todas, con un futuro feminista no que non se deixe a ninguén atrás”. Unha simple busca en Google e isto é o que aparece ao teclear “8m”. Como poderedes observar, todas as ligazóns principais falan da loita das mulleres pola súa participación efectiva e en igualdade de condicións no traballo, na vida persoal e na sociedade en xeral. Non sei, ocórrenseme centos de motivos e de situacións diarias polas que TODAS tivemos e temos que demostrar tres veces máis a nosa valía, levantar a voz e facernos ver moito máis que os nosos homólogos masculinos para que se nos tome en serio.
Parece ser que todo isto que calquera de vós pode atopar nunha rápida busca en Google debéuselle pasar por alto ao equipo de goberno do Concello de Xove. Veñen de presentar un programa que di “ En Xove, marzo é o mes da muller” e acto seguido anúncianse unha serie de actividades e actos que pouco ou nada teñen que ver coa igualdade como son as diferentes charlas sobre nutrición, menstruación ou ioga ao aire libre para mulleres. Parece que se tratase dun mes adicado ao feito de ser muller e non á loita pola igualdade en si. Entre as actividades destacan unha charla sobre a nutrición da muller nas diferentes etapas da súa vida ou mesmo outra sobre o ciclo menstrual. Charlas en si que son de moito interese mais que non consigo verlle un encaixe reivindicativo e para estas datas.
Eu no mes da igualdade quero recordar a mulleres que romperon barreiras no meu concello, quero que as nenas de Xove teñan referentes locais no deporte, na educación e no laboral, quero que se fale sobre a fenda de xénero, quero que se fale sobre a conciliación familiar e sobre a desvalorización dos traballos feminizados que na súa maioría son do sector servizos e máis concretamente dos coidados. Non quero apertas nin que me feliciten o día polo feito de ser muller, quero que as nenas da miña contorna medren nunha sociedade na que non se lles esixa máis que aos seus compañeiros, quero que a miña opinión política e laboral teña o mesmo peso, que se invista en ciencia e na saúde feminina, que xa vai sendo hora que se nos receite algo máis que a “píldora” ante enfermidades como a endometriose.
En definitiva, non quero que o 8M quede como un día máis no calendario que acompaña ao día da nai ou ao día do pai, debe e ten que ser algo máis e, para iso, as administracións públicas teñen que estar á altura. Nin flores, nin parabéns; igualdade efectiva en todos os ámbitos da nosa vida.