A negativa do PP a asumir responsabilidades responde a que o Conservatorio de Viveiro foi creado por iniciativa municipal e non pola Xunta, que agora se desentende das súas obrigas. O goberno galego renuncia así á súa responsabilidade sobre un servizo educativo que debería formar parte da súa rede oficial, obrigando ao Concello a soportar en solitario o seu custo.
Actualmente, 23 concellos galegos están a soportar en solitario o custo da educación musical profesional, a pesar de que a Consellería de Educación é a encargada de expedir os títulos oficiais. No caso de Viveiro, o Conservatorio Municipal supuxo en 2023 un gasto de 1.141.676,22 euros para o Concello, unha carga económica que compromete recursos fundamentais para outros servizos públicos.
“Non é razoable que Viveiro teña que asumir en solitario esta responsabilidade. É o momento de que a Xunta actúe”, subliñou Míriam Bermúdez. “O goberno galego non pode permanecer impasible mentres os concellos quebran pola falta de apoio económico. Non se pode tolerar que un servizo supramunicipal sexa asumido exclusivamente polos concellos onde se sitúan os conservatorios.”
O BNG insta á Xunta de Galiza a poñer en marcha un plan para integrar os Conservatorios Municipais na súa rede oficial, garantindo un financiamento adecuado e un acceso igualitario á educación musical para toda a poboación.
“Ademais”, engadiu Míriam Bermúdez, “no acordo da moción de censura, Por Viveiro pediu ao PP que asumira o 30% do custo do Conservatorio, o que suporía unha achega de 350.000 euros. Polo tanto, esperamos ver ese compromiso materializado.”