A Organización de Produtores Pesqueiros de Burela continúa promocionando os produtos pesqueiros das súas frotas nos diferentes eventos gastronómicos que se celebran en España
Burela, 25 de marzo, 2025. O pasado domingo a Merluza D& Burela foi protagonista na xornada inaugural do Galicia Fórum Gastronómico 2025, o maior evento gastronómico profesional do norte de España, que celebrou na Coruña do 23 ao 25 de marzo a súa décima edición inspirada en “Un Océano de Cociñas”, facendo honra á rica diversidade culinaria que emana das profundidades do mar e esténdese polos recunchos de Galicia e o mundo.
A OPP Burela promocionouse dentro do programa de “Experiencias de Calidade Galicia Sabe A_Mar” da Consellería do Mar da Xunta de Galicia. O chef Alberto Carou, do restaurante Curral do Marqués (Rianxo, A Coruña) preparou diferentes receitas elaboradas con pescada do pincho de Burela en maridaxe con viños da DO Ribeiro: “Taco de Merluza D& Burela rebozado en tempura negra de tinta de lura, salsa kinchi e lima”; e “Merluza D& Burela cociñada ao vapor en baixa temperatura con sopa de leite de coco e chícharos”.
Nas próximas semanas o “Peixe de Burela” volverá ser protagonista un ano máis no ‘Salón Gourmets’, principal evento de alimentación e bebidas de alta calidade en Europa, que se celebra en Madrid do 7 ao 10 de abril. Burela estará de novo na Aula de Catas da Consellería do Mar con ‘Merluza D& Burela’ e, en colaboración con Pesca España, promocionando tamén os “Grandes Descoñecidos”, promovendo o consumo de especies de peixe menos coñecidas polos consumidores, pero que ofrecen unha opción deliciosa e saudable para enriquecer as nosas mesas.
Esta acción foi elaborada dentro do plan de produción e comercialización de OPP Burela dentro dos obxectivos de contribuír á trazabilidade dos produtos da pesca e o acceso dos consumidores a unha información clara e completa, e conta con axudas da Xunta de Galicia e o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).