Site icon Crónica3.com A Mariña

Medio Rural dará axudas directas de 2.000 €/ha aos produtores da IXP Faba de Lourenzá e habilitará un instrumento financeiro para o agro galego

A conselleira, María José Gómez, explicou hoxe en Ribadeo que as achegas directas servirán para poñer en valor a calidade diferenciada desta produción, que “é un sinal de identidade de toda unha comarca”

Ribadeo, 14 de marzo de 2025. A consellería do Medio Rural habilitará axudas directas, de carácter excepcional, para os produtores inscritos na Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Faba de Lourenzá, co fin de poñer en valor a calidade diferenciada desta produción e nun produto que “é un sinal de identidade de toda unha comarca”, segundo salientou a titular deste departamento, María José Gómez.

Esta liña abrirase para facer fronte a unha situación extraordinaria, estará suxeita a mínimis e farase mediante un convenio coa IXP para facer chegar os fondos aos fabeiros, co fin de axudalos e tamén “para incentivar” que os produtores que están fóra poidan acollerse a este selo de calidade. Estase concretando a posibilidade de chegar a un importe de arredor de 2.000 euros por hectárea.

Así o explicou hoxe a conselleira en Ribadeo, nun encontro con alcaldes e representantes municipais dos concellos da zona, entre eles o rexedor desta localidade, Daniel Vega, e no que estivo acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte.

Liquidez para o sector

Ademais destas axudas directas, María José Gómez anunciou a próxima apertura, xa no vindeiro do mes de abril, dun instrumento financeiro para dotar de liquidez aos agricultores e gandeiros galegos en xeral e de modo específico para os de Faba de Lourenzá, co fin de que poidan facer fronte á sementeira. Este apoio, sinalou Gómez, “é necesario para todos os produtores que se viron afectados polo temporal Kirk e pola pluviometría que veu despois e que lles impediu facer eses cultivos”.

A conselleira explicou que o obxectivo da medida é facilitar aos agricultores e gandeiros acceso a capital circulante para as súas explotacións. Engadiu que a Xunta farase cargo dos intereses e dos gastos de formalización e avais, de tal maneira que os beneficiarios só terán que reintegrar o importe do crédito que perciban, “pero sen ningún tipo de interese nin custos adicionais”, remarcou. Esta medida pretende axudar os agricultores e gandeiros afectados polas condicións meteorolóxicas adversas, especialmente no que atinxe á plantación de millo forraxeiro

As dúas medidas -axudas directas e instrumento financeiro- súmase a outras actuacións de apoio á Faba de Lourenzá, que debullou a conselleira. Así, sinalou que se está pechando un calendario de xornadas informativas e formativas que acollerá o centro Pedro Murias, co obxectivo de fomentar entre os produtores a incorporación de prácticas agronómicas, tales como a rotación de cultivos, marcos de plantación, eliminación de virosis na semente e outras que se consideran necesarias para mellorar o seu labor.

Neste sentido, advertiu que se quere converter o Pedro Murias nun centro de referencia, de forma que funcione, tamén, como punto de realización de campos de ensaio. Trátase, indicou a conselleira, de “informar e formar aos produtores sobre este cultivo e sobre como traballar cos fitosanitarios para eliminar a enfermidade e con semente seleccionada libre da doenza”. Asemade, faranse campos de ensaio, tanto no propio centro Pedro Murias como en parcelas de produtores en distintas zonas, “para testear as enfermidades e os marcos de plantación”. María José Gómez tamén puxo en valor outras medidas, coma o apoio para a modificación do prego de condicións da IXP, co fin de mellorar a comercialización e a rendibilidade para produtores de faba certificada, a procura de saída comercial para a faba manchada (que non se certifica pola IXP) e o posible reforzo das accións de promoción para o impulso do consumo, favorecendo a identificación nos puntos de venda da faba certificada.

Seguros agrarios

Ao tempo, a conselleira fixo fincapé nos seguros agrarios, que cualificou como “completamente necesarios”. Incidiu en que os agricultores e gandeiros, “para seren competitivos, teñen que ser profesionais” e iso pasa por asegurar as súas producións. Lembrou, neste sentido, que a Xunta destina este ano 9,5 millóns de euros a financiar as pólizas. Cómpre engadir que os prezos destes seguros representan arredor do 10% do valor da produción asegurada.

A modo de conclusión, neste acto María José Gómez reafirmou o compromiso do Goberno galego con este sector, que se plasma a través de medidas de fomento, como a liña de financiamento anunciada hoxe, as axudas directas e tamén por medio doutras accións vinculadas á formación, a sanidade vexetal ou a transferencia de coñecementos e de I+D+i ao agro.

Exit mobile version