O conselleiro do Mar remarca que este servizo terá un impacto positivo no desenvolvemento das actividade marítimo-pesqueira da zona, así como na xestión empresarial da mesma, o que repercutirá no impulso da competitividade e a transformación da cadea mar-industria
Viveiro, 28 de marzo de 2025. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, asistiron á apertura este venres da oficina Es.Mar Economía Azul de Galicia que o departamento autonómico puxo en marcha nesta localidade mariñá, co fin de que as empresas e autónomos do sector marítimo-pesqueiro logren un maior aproveitamento das axudas que establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), impulsando con elo a competitividade e a transformación da cadea mar-industria.
Deste xeito, coa posta en funcionamento estas instalacións, o Goberno galego completa a apertura da rede autonómica destas oficinas, que dan servizo a un total de 75 concellos. No caso do mariñao, son once: Cariño, Ortigueira, Mañón, O Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros e Ribadeo.
Villares puxo en valor este novo servizo que terá un efecto decisivo no desenvolvemento da actividade marítimo-pesqueira, así como na xestión empresarial da mesma. A rede de oficinas Es.Mar Economía Azul de Galicia forma parte do paquete de medidas liderado pola Xunta para optimizar os recursos económicos que proveñen de Europa, pois a comunidade ten asignados 4 de cada 10 euros destinados ás autonomías, o que supón máis de 366 millóns de euros. Neste senso, a de Viveiro incluirá accións relativas á transformación dixital do sector, a asegurar o relevo xeracional, á mellora da eficiencia empresarial, ao uso da innovación de cara a desenvolver novos proxectos e servizos, á implantación do comercio electrónico, e á formación relativa á normativa e xestión empresarial.
Pola súa banda, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, fixo fincapé na importancia de contar con servizos coma este para favorecer que a Administración e o tecido empresarial vaian da man, aproveitando ao máximo o financiamento comunitario. “Esta oficina Es.Mar de Viveiro cumpre á perfección este obxectivo para fortalecer o diálogo entre a administración e, neste caso, todo o relacionado co sector da cadea mar-industria”, dixo, incidindo na importancia de optimizar a xestión ao servizo da cidadanía co obxectivo de consolidar unha Administración máis eficaz, accesible e próxima.
Estas instalacións, ao igual que o resto das seis que xa están en funcionamento en Ferrol, Vigo, Ribeira, Pontevedra, A Coruña e Vilagarcía de Arousa, prestarán un servizo híbrido -con oficinas físicas e unha virtual- o que permitirá ofrecer unha atención particularizada ás necesidades de cada potencial beneficiario do Fempa. Cada oficina conta cun equipo especializado e con experiencia previa en contratación pública para enfrontar con solvencia o reto de incrementar as axudas concedidas e fortalecer o grao de diálogo co sector e o tecido empresarial.
Máis de 1,8M€
A rede de Oficinas Es.Mar é unha iniciativa que conta cun investimento que supera os 1,8 millóns de euros. A este respecto, Villares tamén recordou que os oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro de Galicia (GALP), dependentes da Consellería do Mar, entre os que se atopa o GALP Mariña-Ortegal, tamén xogan un papel destacado na distribución das axudas con financiación comunitaria para apoio a proxectos cun importante impacto nas poboacións costeiras. Son un total de oito en todo territorio galego. Agrupan a 409 organizacións locais, das que 97 pertencen ao sector pesqueiro, representando a máis de 13.000 traballadores. No 2024 foron aprobados 133 proxectos ao abeiro destes apoios, que contaron cunha axuda pública de 11,7 millóns de euros e supuxeron a mobilización de case 21 millóns de euros.
Este GALP está composto por 53 entidades sociais que son representativas dos principais sectores da zona costeira, caracterizada por unha ampla extensión territorial ao longo da franxa cantábrica galega, con Viveiro como punto central que divide dúas zonas con distintos niveis de desenvolvemento e predominio de actividades económicas produtivas e de servizos.
As entidades do sector pesqueiro supoñen o 35,85% da Asemblea Xeral, contemplando a totalidade das confrarías da Mariña-Ortegal, que agrupan ás persoas dedicadas á actividade produtiva e tamén, a través das lonxas, á comercialización de produto pesqueiro. Entre as entidades que forman parte do GALP tamén se atopan as agrupacións e asociacións de marisqueo da zona, así como entidades representativas de percebeiros e pesca de baixura. Ademais, o territorio ten gran tradición pesqueira, polo que este Grupo conta con 3 asociacións de redeiras na súa Asemblea. É salientable que neste sector é onde se atopa unha representación máis igualitaria entre homes (11 representantes) e mulleres (8 representantes).