Unha obra de acción sobre o máis absoluto dos misterios: o do máis alá da morte
A trama de A muller do muro combina a cultura galega do alén coas máis recentes teorías e investigacións científicas e paracientíficas sobre determinados fenómenos inexplicables. Como o seu autor avanza, trátase dunha obra de acción á caza do máis absoluto dos misterios: o do morte e o máis alá da vida. A novela, de 312 páxinas, ten como protagonista principal a un xornalista, Xenebrando Río, que unha determinada mañá vive un feito inesperado por completo. Un feito que nin comprende nin desexa en absoluto. Pero, como avanza a contraportada do libro, Río iniciará un frenético camiño sen retorno.
A muller do muro sae á rúa cun innovador deseño de Sebas Pazos que inclúe, entre outras solucións de esmerada calidade, unha tipografía especificamente galega creada por Marcos Dopico.
Esta é a segunda novela de Manuel F. Rodríguez. A primeira, A viaxe á fin do mundo, editada tamén por Bolanda en 2017 parte do roubo en 1906 na catedral de Santiago da cruz grega de Afonso III o Magno, que os peregrinos de media Europa adoraran durante séculos. Tras a repercusión obtida pola edición en galego, esta novela publicouna en 2023, en castelán e para toda España, a editorial madrileña Evohé, tamén con éxito, sobre todo entre a xente do mundo do Camiño.
Manuel F. Rodríguez ten en Bolanda outras obras. Entre elas, a guía histórica da Compostela xacobea, Santiago de Compostela para los peregrinos, da que se prepara unha nova edición na súa versión en español, e sobre todo La Gran Enciclopedia del Camino de Santiago. Diccionario de la cultura jacobea (2010), obra en 18 tomos con tres mil entradas da que foi director e autor principal. Esta enciclopedia, pendente de actualización, pode consultarse en internet, con acceso libre, como Xacopedia. Polo seu labor de investigación e divulgación do Camiño de Santiago, Rodríguez leva recibido distintos recoñecementos en Galicia e no exterior, entre eles, o prestixioso Premio Internacional Aymeric Picaud.
Rodríguez mantén unha longa relación familiar e laboral coa comarca da Mariña, onde, nos anos oitenta, foi delegado do xornal El Progreso e redactor na delegación de La Voz de Galicia.