A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, asistiu hoxe á 18ª reunión do Comité de Seguimento de Alcoa
Madrid, 19 de marzo de 2025. A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, salientou hoxe a importancia de que exista un diálogo fluído entre Alcoa e o comité de empresa nun ano, dixo, que vai ser “crucial” para a compañía, posto que sairá da súa condición de empresa en crise e poderá ter acceso, polo tanto, a axudas públicas e outras vías de financiamento.
Segundo apuntou, para iso, o prazo que manexa a propia Alcoa é o último trimestre de 2025 cando, engadiu, ao superar esa condición “vai poder abrir todo un campo de vías tanto de financiamento como de apoios públicos”. “Cremos que este ano é crucial”, sinalou Lorenzana, para que “xa poida comezar a funcionar no mercado económico con normalidade”.
A conselleira participou hoxe na 18ª reunión do Comité de seguimento de Alcoa, a primeira que se celebra logo de que se asinase o memorando de entendemento entre a Xunta de Galicia, o Goberno central, Alcoa e Ignis, “para dar garantías á empresa dos prazos dos distintos procedementos administrativos que cada goberno, no seo das súas competencias, ten que tramitar”, lembrou.
Segundo dixo, foi unha reunión na que se volveu poñer de manifesto o “compromiso absoluto” coa planta de San Cibrao e cos máis de 1.000 traballadores e todas as súas familias. Lorenzana destacou, en particular, que, por parte da Xunta de Galicia, nestes últimos meses foi moi importante a autorización da balsa de lodos. Ao respecto, avanzou que a Administración autonómica vai seguir traballando “para que poida seguir aumentando a cota e, polo tanto, poida seguir a actividade de Alcoa”.
Neste contexto, tamén puxo de manifesto que “aínda quedan fitos por cumprir”, como o desbloqueo dos parques eólicos que teñen asinados coa empresa contratos de compravenda de enerxía a longo prazo (PPAS) e vanlle garantir unha subministración a prezos máis baixos e competitivos. “É clave conseguir abaratar os custos fixos que ten a compañía, traballar para que a fábrica poida continuar desenvolvendo a súa actividade”, dixo, para apelar de novo ao diálogo. “Para seguir co seu traballo en Galicia ten que haber un compromiso por ambas as dúas partes ademais de, por suposto, por parte dos gobernos”, que van facer un seguimento para que os compromisos se vaian cumprindo, concluíu.