Lugo, 26 de marzo de 2025. José Tomé Roca, Presidente da Deputación de Lugo e Alcalde de Monforte de Lemos, confirmou a súa precandidatura á reelección como Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo. Con ampla traxectoria institucional e orgánica, reafirma o seu compromiso cun partido forte, unido e centrado en defender os intereses da provincia fronte a un Partido Popular que só mira polos seus propios intereses, esquecendo as necesidades da xente.
José Tomé Roca afronta esta nova etapa coa ilusión de seguir fortalecendo o proxecto socialista na provincia, escoitando á militancia e respondendo ás necesidades de todos os sectores produtivos e sociais que fan de Lugo unha terra con futuro. Subliña que a unidade e a fortaleza do partido son claves para garantir un mellor posicionamento na defensa dos servizos públicos, do benestar da cidadanía e do desenvolvemento económico da provincia. “Nós traballamos por máis sanidade, máis emprego, máis industria”, sinalou, en clara referencia á falta de compromiso do PP cos sectores estratéxicos da provincia de Lugo.
O seu proxecto para o PSdeG en Lugo pasa por manter e ampliar as alcaldías socialistas, recuperar as perdidas e renovar o Goberno da Deputación. Pero o obxectivo vai máis aló: conseguir un cambio real na Xunta de Galicia e garantir a continuidade dun goberno progresista en España que poña ás persoas no centro da política.
“Nestes anos compartimos moitos momentos, ilusións e loitas, e tamén aprendemos dos erros, porque só quen se entrega con alma e corazón pode equivocarse. Pero se hai algo que nunca cambiou, nin cambiará, é o meu compromiso con vós. Sodes a alma deste proxecto, os que facedes posible que sigamos avanzando. E non só vós, senón tamén toda esa xente que co seu traballo diario sostén a nosa provincia: os gandeiros e agricultores que coidan do noso rural con esforzo e dignidade, os mariñeiros que manteñen viva a nosa tradición pesqueira, os traballadores do turismo que amosan con orgullo a nosa terra, e tantas persoas que loitan cada día por saír adiante. Sei que non sempre é doado, sei que hai momentos de incerteza e dificultades, pero tamén sei que, cando estamos xuntos, somos imparables. Sempre vos teño no pensamento, porque este proxecto é voso, é noso, e sigo aquí para seguir traballando por vós e con vós”.
Para iso, Tomé aposta por reforzar as agrupacións locais, dotalas dos recursos necesarios e darlles máis protagonismo, tanto cando gobernan como cando están na oposición. A súa proposta inclúe un maior peso dos asuntos comarcais e provinciais dentro da Executiva do partido, apostando pola participación, a coordinación e a acción política efectiva.
Tomé Roca defende unha Galicia e unha provincia de Lugo que aposte pola reindustrialización sostible, a innovación e a creación de emprego de calidade, fronte a un PP que só se preocupa por manter os seus privilexios. “Mentres eles se dedican ás fotos e aos banquetes, nós traballamos para que Lugo teña un futuro con máis oportunidades para todos e todas”, asegurou.
A súa candidatura á reelección reafirma o seu compromiso con facer do PSdeG na provincia de Lugo un partido sólido, unido e con capacidade de liderar un cambio político real que poña fin ás políticas do PP, baseadas no abandono dos servizos públicos e na falta de proxecto para Galicia.