A Subdelegación do Goberno en Lugo organiza unha xornada informativa sobre o novo regulamento de estranxeiría
Lugo, 18 de marzo de 2025. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, inaugurou hoxe unha xornada informativa sobre os cambios normativos no regulamento de estranxeiría que reforzan os dereitos das mulleres migrantes vítimas de violencia de xénero e violencia sexual para a obtención dos permisos temporais de residencia e traballo. A sesión, organizada pola Subdelegación do Goberno, enmárcase dentro das actividades programadas polo 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres.
Na súa intervención, Isabel Rodríguez subliñou a necesidade de garantir unha protección efectiva para as mulleres estranxeiras que sofren violencia machista, asegurando que “o compromiso do Goberno coa igualdade e contra a violencia de xénero é firme, polo que avanzamos para garantir que todas as mulleres, independentemente da súa situación administrativa, teñan a maior cobertura e protección”, afirmou.
A xornada contou coa participación de Elba Rivas López, Xefa da Dependencia Provincial de Traballo e Inmigración, e Montserrat Vidal Expósito, Xefa da Oficina de Estranxeiría de Lugo, que explicaron os cambios no regulamento e as novas vías de residencia e traballo para vítimas de violencia de xénero, violencia sexual ou trata de seres humanos. Así, sinalaron algunhas das principais novidades relativas á solicitude de reagrupamento familiar, á validez dos informes dos servizos sociais dos concellos para determinar a condición de vítima, ou a non esixencia inmediata de denuncia para outorgar a autorización provisional de residencia e traballo.
Rodríguez tamén destacou o incremento da inversión en políticas contra a violencia machista en Galicia, que desde 2018 superou os 80 millóns de euros, financiando programas de prevención, asistencia integral ás vítimas e reforzo da rede de protección. “Nos últimos catro anos multiplicáronse por tres os recursos dispoñibles. Só en 2024, os concellos da provincia de Lugo recibiron máis de 240.000 euros para accións de prevención e apoio ás vítimas”, apuntou.
A subdelegada concluíu a súa intervención apelando á importancia de que todos os axentes implicados na loita contra a violencia de xénero apliquen unha perspectiva feminista e interseccional. “A única forma de reducir as cifras de vítimas é aumentando os recursos e a prevención. Debemos redobrar esforzos para garantir unha protección efectiva e sinalar con contundencia a quen vulnera os dereitos humanos”, afirmou.