Foz, 15 de marzo de 2025. O Concello de Foz abriu este sábado pola mañá o parque canino Pico do Castro, situado ao lado das letras de Foz, na zona chamada Pico do Castro, que dá nome ao parque. É o primeiro da Mariña.
Á apertura do parque asistiron membros da corporación municipal, encabezados polo alcalde, Fran Cajoto, o director territorial de Medio Ambiente, Jesús Montouto, e representantes da asociación Amigos dos Cans e da Protectora de Animais de Foz. Tamén acudiron participantes da escola obradoiro e persoal municipal do Concello de Foz que construíron o parque, así como veciñas e veciños que se achegaron coas súas mascotas.
O parque conta con 2.000 metros cadrados de superficie e cun valado perimetral e dobre porta de entrada, para maior seguridade dos animais. Está equipado cunha marquesiña para resgardarse da choiva, bancos con vistas á ría de Foz, fonte para peludiñas e peludiños e donos dos mesmos, almacén e distintos xogos de axilidade. Estará aberto de forma ininterrompida, para o que conta con alumeado específico nas instalacións.
O alcalde, Fran Cajoto, explica: “continuamos mellorando e ampliando as áreas de esparexemento do noso pobo. Na anterior lexislatura construímos pistas de petanca, unha pista multideporte en Pintor Laxeiro, abrimos ao público e melloramos o parque de educación vial e agora vimos de mellorar e ampliar xogos de nenos e adultos en distintos parques”.
Fran Cajoto engade: “estamos moi satisfeitos coa boa acollida desta nova área, pensada especialmente para as mascotas e coa que recuperamos para uso público unha área degradada como eran as antigas instalacións de gas. Pedimos un uso responsable das instalacións e agardamos que mascotas e donos as desfruten”.