Ribadeo, 22 de marzo de 2025. Do 22 de marzo ao 11 de abril pódese visitar no Campo de San Francisco a exposición Mulleres x Mulleres, organizada pola Concellería de Igualdade. O acto de inauguración tivo que trasladarse ao Salón dos Alcaldes do Concello por mor da chuvia.
Na súa intervención a concelleira de Igualdade, Begoña Sanjurjo, dixo que “hai 50 anos que celebramos o 8M, Día Internacional das Mulleres. Neste ano cúmprense tamén 30 anos da Declaración e Plataforma de Acción de Beijing, o plan para promover os dereitos das mulleres e nenas en todo o mundo. Este día, o 8M, en palabras da ONU refírese ás mulleres correntes como artífices da historia e afunde as súas raíces na loita plurisecular por participar na sociedade en pé de igualdade cos homes”.
A edil ribadense explicou que “neste contexto, desde o Concello de Ribadeo queremos poñer en marcha unha exposición, homenaxe ás ribadenses, ás de hai uns anos que abriron camiños con normalidade en diferentes ámbitos e ás que seguiron ensanchando eses camiños ou abrindo outros novos. Queremos que as ribadenses do mañá poidan transitar por calquera destes camiños ou por outros novos que na actualidade nin sequera imaxinamos. É unha exposición que recoñece que a situación avanzou nos distintos ámbitos, pero os progresos non foron homoxéneos e a sociedade no seu conxunto debe unirse e cooperar para seguir rachando cos teitos de cristal”.
Sanjurjo sinalou: “Mulleres x Mulleres é un traballo aberto, que arrinca hoxe pero que non está pechado. Temos moitas historias que escribir, moitas ribadenses que descubrir e queremos que a xente as coñeza. Na exposición atoparemos mulleres no deporte, na política, na música, na filantropía, na ciencia, no comercio… Hai mulleres en branco e negro e outras que están na actualidade sendo referentes para xeracións futuras. Se non fora polas primeiras igual nós non estabamos aquí”.
A concelleira de Igualdade contou que “este traballo foi realizado polo Obradoiro de Animación Sociocultural e quero agradecerlles a súa dedicación. Lucía e Aarón foron os alumnos máis implicados, desde aquí moitas grazas. Pero sobre todo quero darvos as grazas a todas as que contastes unha parte da vosa vida, sen vós sería imposible esta exposición e tamén construír parte da historia de Ribadeo. Queremos facervos entrega dun pequeno agasallo, para que sigades escribindo a vosa historia. Grazas por construír un mundo en igualdade”.
E engadiu: “hoxe temos tamén a sorte de contar con estas catro marabillosas voces: Lucía Pérez, Rosa Cedrón, Claudia Abril e María Jorge que nos achegan o proxecto sonoro O Noso Canto, proxecto dirixido por Belém Tajes, que reivindica a unión de diferentes xeracións de mulleres, demostrando a forza que temos todas xuntas e todo o que podemos conseguir. Ambos proxectos interxeracionais: O noso canto e Mulleres x Mulleres demostran que todas xuntas somos máis fortes”.
Homenaxeadas, familiares, veciñanza, o alcalde, Dani Vega, así como edís da Corporación Municipal ribadense asistiron ao acto celebrado este mediodía no Salón dos Alcaldes do Pazo de Ibáñez.