Site icon Crónica3.com A Mariña

Foz reorganiza o tráfico do centro urbano para substituír o firme da Avenida da Mariña

Foz, 10 de marzo de 2025. O Concello de Foz reorganizou o tráfico do centro urbano para o inicio das obras de substitución do firme da Avenida da Mariña. A Avenida Álvaro Cunqueiro mudou a súa configuración e dispúxose en sentido único dirección Viveiro: os vehículos que se despracen cara a Ribadeo deberán facelo pola rúa do Pilar. As rúas Federico García Lorca e Xoán Montes teñen acceso restrinxido para garaxes e descarga de mercadorías. A parada de taxis desprazouse uns metros da situación actual, ao parque do Martínez Otero.

O alcalde, Fran Cajoto, explica: “este luns pola tarde demos comezo á retirada do firme de formigón actual da Avenida da Mariña, que en zonas só dispón de nove centímetros de espesor, cando o proxecto marcaba 21 centímetros. A rúa foi inaugurada na época de Castiñeira, en outubro do ano 2017. Estamos a falar de pouco máis de sete anos, pero xa no 2019 se fixera unha demolición de dous tramos xusto antes do cambio de Alcaldía, entendo que para que a construtora recuperara o aval. Agora estamos a investir 148.000 euros, con cargo ao Plan Deputación 2024, para substituír o firme de formigón do carril central por aglomerado en quente, por mor dunha obra mal executada. Imos completar a sinalización e mellorar a drenaxe lonxitudinal, eliminando as rexas transversais da zona de rodadura dos vehículos. Pido desculpas polas molestias das obras, que durarán unhas poucas semanas. Seguimos traballando”.

Exit mobile version