O popular rexeita que o alcalde “trate de enganar aos veciños e veciñas” culpando á Xunta da suba do canon do lixo cando “se debe a unha lei do Goberno de Sánchez que obriga aos Concellos a repercutir nos contribuíntes o custo dos gastos da recollida e tratamento de residuos”
Trabada, 27 de marzo de 2025. O voceiro do PP de Trabada, José María Fernández, advirte que “con este goberno socialista todo son subas de taxas e impostos no noso Concello”.
O popular explica que “no Pleno deste mércores o equipo de goberno aprobou en solitario – co voto en contra do Grupo do Partido Popular- a subida das taxas de: recollida do lixo, abastecemento de auga e expedición de documentos administrativos, despois de ter aprobado o ano pasado a subida do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI).
A suba da taxa pola recollida do lixo na zona rural será de aproximadamente uns 30 euros anuais e no casco urbano duns 40 euros anuais máis. En ambos casos, despois de aplicar xa a bonificación do 20% para os propietarios de vivendas empadroados no Concello.
A taxa polo abastecemento de auga establécese para uso doméstico en 22 euros cada dous meses -máis 0,75€/m3 por consumo superior a 11m3- e para uso industrial nos 36 euros cada bimestre -máis 0,75€/m3 por consumo superior a 21m3-.
Algúns exemplos da incidencia da suba da taxa á expedición de documentos administrativos constitúe o certificado de empadroamento que sube de 5 a 10 euros -pasará a custar o dobre- ou o expediente de autorización ou celebración de festas que pasará dos 25 aos 35 euros -10 euros máis-.
O voceiro do Partido Popular incide en que “o goberno socialista debería buscar a forma de que o Concello asumira esa suba de taxas municipais sen repercutila nos petos dos veciños e veciñas que viron encarecido todo e para os que, cada vez, costa máis chegar a fin de mes”.
Así mesmo, o popular rexeita que o alcalde “trate de enganar aos veciños e veciñas” culpando á Xunta da suba do canon do lixo cando “se debe a unha lei do Goberno de Sánchez que obriga aos Concellos a repercutir nos contribuíntes o custo dos gastos da recollida, transporte e tratamento de residuos”. É máis, incluso se opón a que a Xunta asuma o 60% da actualización do canon que paga cada Concello”.
A SUBA DO IBI FAISE EFECTIVA ESTE ANO
Fernández lembra que “fai un ano xa advertíamos de que o goberno socialista subira o IBI -coñecido como contribución- sobre os bens inmobles de natureza urbana dende un tipo impositivo do 0,4 ao 0,6 que se fai efectivo neste ano 2025. Deste xeito, un propietario que estaba a pagar 150 euros de contribución pola súa vivenda pasa a pagar 200 euros, 50 euros máis”.