Burela, 27 de marzo, 2025. A Fundación Expomar e Abanca asinaron esta mañá un convenio de colaboración de cara á próxima celebración da 20ª edición da Feira Expomar, que terá lugar no porto de Burela do 7 ao 10 de maio.
Na reunión desta mañá participaron Carmela López, presidenta da Fundación Expomar e alcaldesa de Burela; José M. González ‘Brais’, xerente da Fundación; Javier Fraga, director de Abanca Mar; Zaira Dapena, directora territorial de Lugo; Carlos Teijeiro, coordinador institucional de Lugo; e José Angel Méndez, director de zona de A Mariña-Terrachá.
Este acordo ven reforzar os vínculos que unen á feira Expomar coa entidade bancaria, xa que Abanca foi un dos principais apoios do evento durante todas as súas edicións.
Desta forma, na 20ª feira monográfica náutico-pesqueira Expomar cobrará aínda maior relevancia a denominada “Zona Abanca”, creada xa na última edición e que axudará a fomentar o networking durante o evento, con espazos adicados tanto á celebración de presentacións como reunións entre os expositores e os seus visitantes.
A nova distribución dos espazos é unha das grandes novidades que presentará o recinto feiral con respecto a edicións anteriores, adicando unha amplia superficie aberta baixo carpa que acollerá, xunto a esa “Zona Abanca”, a área de exposición de embarcacións, a zona de cafetería e un espazo principal no que se celebrarán os actos de inauguración e clausura da feira, así como diferentes demostracións e degustacións gastronómicas.