Europa está a vivir un momento de transformación. O equilibrio mundial cambia. A seguridade que nos garantían os vellos acordos xa non é suficiente nun mundo en cambio constante. A dependencia militar de Estados Unidos, que durante décadas foi vista como un seguro de vida, revelou a súa fraxilidade. A nosa defensa non pode estar suxeita aos caprichos dunhas eleccións en Washington ou ás prioridades dun Congreso estadounidense cada vez máis centrado no seu propio eixo interno. O tempo de construír un Exército Único Europeo chegou.
A defensa non é só unha cuestión de seguridade, senón de soberanía. Ningunha nación é soberana se non pode defenderse por si mesma, e Europa, se quere consolidarse como unha Nación de Nacións, necesita que os seus soldados leven a súa bandeira no ombreiro. Isto non é só unha cuestión simbólica: é un paso necesario cara á autonomía estratéxica. Sen un exército propio, Europa non é máis que unha colección de estados vulnerables, dependentes do beneplácito alleo.
Oportunidade para Galicia: Defensa e Industria
O incremento do gasto en defensa non só é unha necesidade, senón tamén unha oportunidade. En Galicia coñecemos ben o potencial da industria militar e aeroespacial. Xa en 2019, desde o PDE en Lugo, reclamabamos un papel protagonista para Rozas no desenvolvemento de drones para a defensa europea. Hoxe, esa aposta faise máis necesaria ca nunca. Galicia ten infraestruturas, talento e capacidade para ser un nodo clave nunha política de defensa europea que aposte pola innovación e a tecnoloxía propia.
Desde o naval ata a ciberseguridade, pasando polos sistemas non tripulados, a nosa comunidade pode e debe beneficiarse do novo paradigma. Unha Europa con Exército propio necesita unha industria que a abasteza, e Galicia debe estar na vangarda desa transformación. O que antes era unha aposta política, hoxe é unha obriga estratéxica, ollo o BNG debe explicar a súa posición aos traballadores da industria militar de Galicia, a ver si é quen.
O Freo dos Extremos: Os de Sempre Contra Europa
Porén, a construción dunha defensa europea forte non está exenta de inimigos. Os extremos políticos, tanto da dereita como da esquerda, volven actuar como lastres da soberanía europea. Desde a ultradereita, que prefire un continente feble e fragmentado para someterse a Washington ou Moscova, ata a extrema esquerda, que segue atrapada nun pacifismo infantil e irrealista, os ataques contra o rearme europeo parten sempre do mesmo punto: o medo a unha Europa forte que non te enganen.
Non debemos permitir que o debate sobre a defensa estea secuestrado por quen vive na nostalxia de pasados idealizados ou por quen prefire a dependencia antes ca responsabilidade. Europa non pode ser forte sen seguridade, e non pode haber seguridade sen capacidade militar propia.
A nosa independencia enerxética, a nosa economía e a nosa posición no mundo dependen de que saibamos actuar con responsabilidade. E iso significa investir en defensa, fortalecer a nosa industria e poñer os intereses europeos por riba dos cálculos electorais das forzas que prefiren unha Europa sometida e se cadra inexistente.
Conclusión: O Momento é Agora
O mundo mudou, e Europa ten que moverse con el. Non é tempo de dubidar, nin de seguir hipotecados a alianzas que poden cambiar segundo os intereses doutros. O Exército Único Europeo non é unha utopía, é unha necesidade urxente. Galicia debe reclamar o seu papel neste proceso, converténdose nun eixo estratéxico da nova industria de defensa continental.
Europa, se quere ser unha Nación de Nacións, necesita soldados que leven a súa bandeira e a súa defensa nas súas propias mans. O tempo do Exército Europeo chegou. E os que o negan, traballan para que Europa siga sendo un xigante económico con pés de barro.
É hora de cambiar iso. Sen complexos e con compromiso,
Juan Carlos Piñeiro Docampo
Sº Xeral de CxG
Membro do Council do Partido Demócrata Europeo.