Máis de 100 alumnas e alumnos do IES María Sarmiento asistiron á charla, que tivo lugar no propio centro. Pertencían aos ciclos básicos de servizos administrativos e mantemento de vehículos; aos ciclos de grao medio de xestión administrativa, instalacións eléctricas e automáticas, soldadura e calderaría e electromecánica de vehículos automóbiles; e aos ciclos de grao superior de administración e finanzas, sistemas electrotécnicos e automatizados e automoción. Na cita participaron Iván Marrube, CEO e Reyco; Alberto García, un dos fundadores de Signo Creaciones, e Andrés Basanta, responsable comercial de EVMetal y EVConfort (Electromecánicos Viveiro).
Os tres conferenciantes incidiron en que A Mariña é unha comarca con moitas potencialidades e que os salarios e os traballos que aquí se poden atopar reúnen as mesmas condicións que os empregos aos que se pode acceder en grandes cidades. E recalcaron que as oportunidades hai que saír buscalas. Iván Marrube comentoulles que “o futuro da Mariña está en todos vosoutros. Vós seredes os futuros empregados e empresarios desta comarca”. Alberto García dixo que “moitas empresas pequenas fan unha grande empresa, como acontece na Mariña, onde entre todas sumamos miles de postos de traballo na comarca”. E Andrés Basanta sinalou que “é preciso esforzarse e aportar, xa que hai moitas oportunidades de traballo e de negocio na Mariña”. Os tres relataron a súa aposta por asentarse nesta comarca.
A vicepresidenta da FCAM, Becky Hermida, encargada de conducir a charla agradeceu a posibilidade de falar ante o alumnados dos IES María Sarmiento o futuro laboral na Mariña lucense: “grazas pola vosa asistencia e por permitirnos achegar este ciclo de charlas aquí a Viveiro. Grazas ao vicedirector do centro, Javier Lebón, pola súa colaboración, e grazas a Óscar Pita e a Beatriz Trigo, dinamizadores da relación con empresas na FP polo seu traballo e implicación”.
As charlas de FCAM seguirán nos vindeiros meses pola Mariña luguesa achegando as experiencias de vida profesionais e persoais d@s conferenciantes ao alumnado dos centros de ensino.