Viveiro, 21 de marzo de 2025. Hoxe continuou en Viveiro, no IES María Sarmiento, o ciclo de charlas da FCAM sobre o futuro laboral na Mariña lucense. Están destinadas aos estudantes de FP aos que lles queren insistir en que “aquí hai futuro, que hai moita demanda de man de obra por parte das empresas, e que tamén nesta comarca é posible emprender”.
Máis de 100 alumnas e alumnos do IES María Sarmiento asistiron á charla, que tivo lugar no propio centro. Pertencían aos ciclos básicos de servizos administrativos e mantemento de vehículos; aos ciclos de grao medio de xestión administrativa, instalacións eléctricas e automáticas, soldadura e calderaría e electromecánica de vehículos automóbiles; e aos ciclos de grao superior de administración e finanzas, sistemas electrotécnicos e automatizados e automoción. Na cita participaron Iván Marrube, CEO e Reyco; Alberto García, un dos fundadores de Signo Creaciones, e Andrés Basanta, responsable comercial de EVMetal y EVConfort (Electromecánicos Viveiro).
Os tres conferenciantes incidiron en que A Mariña é unha comarca con moitas potencialidades e que os salarios e os traballos que aquí se poden atopar reúnen as mesmas condicións que os empregos aos que se pode acceder en grandes cidades. E recalcaron que as oportunidades hai que saír buscalas. Iván Marrube comentoulles que “o futuro da Mariña está en todos vosoutros. Vós seredes os futuros empregados e empresarios desta comarca”. Alberto García dixo que “moitas empresas pequenas fan unha grande empresa, como acontece na Mariña, onde entre todas sumamos miles de postos de traballo na comarca”. E Andrés Basanta sinalou que “é preciso esforzarse e aportar, xa que hai moitas oportunidades de traballo e de negocio na Mariña”. Os tres relataron a súa aposta por asentarse nesta comarca.
A vicepresidenta da FCAM, Becky Hermida, encargada de conducir a charla agradeceu a posibilidade de falar ante o alumnados dos IES María Sarmiento o futuro laboral na Mariña lucense: “grazas pola vosa asistencia e por permitirnos achegar este ciclo de charlas aquí a Viveiro. Grazas ao vicedirector do centro, Javier Lebón, pola súa colaboración, e grazas a Óscar Pita e a Beatriz Trigo, dinamizadores da relación con empresas na FP polo seu traballo e implicación”.
As charlas de FCAM seguirán nos vindeiros meses pola Mariña luguesa achegando as experiencias de vida profesionais e persoais d@s conferenciantes ao alumnado dos centros de ensino.