O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, explicou que “neste evento imos premiar a 506 rapazas e rapaces de 16 modalidades deportivas, que son campións da Mariña, ou que acadaron podios provinciais ou galegos, ou que se atopan nos top 20 en campionatos de España. Queremos recoñecerlles o gran traballo e esforzo que hai detrás de cada unha desas medallas”.
E subliñou que “será unha cita moi especial a que imos ter no pavillón da Avenida de Luarca, xa que imos contar coa presenza de dous grandes deportistas, como son Iván Raña e Óscar Pereiro, aos que lles agradecemos a súa dispoñibilidade para poder acompañarnos nesa importante xornada”.
Silvent anima á cidadanía de Ribadeo a vivir de preto esta Gala do Deporte: “desde o Concello animamos ás veciñas e as veciños de Ribadeo a asistir este venres, 14 de marzo, á Gala do Deporte, para renderlles homenaxe aos nosos deportistas, a esas rapazas e rapaces que levan ata o máis alto o nome de Ribadeo”.