Navia, 28 de marzo de 2025. Hoxe venres tivo lugar en Navia (Asturias) a firma do Convenio marco para o impulso da Gran Senda do Navia a cargo das administracións locais concernidas no anteproxecto do seu trazado. O convenio será asinado por un total de 16 Concellos, dos cales 7 pertencen á Comunidade Autónoma de Galicia (provincia de Lugo) e 9 á Comunidade Autónoma do Principado de Asturias.
Este convenio ten por obxecto contribuír á dinamización do territorio interautonómico concernido polo itinerario da “Gran Senda do Navia”, itinerario adscrito á conca hidrográfica do Navia entre o nacemento no municipio lucense de Pedrafita do Cebreiro e a súa desembocadura entre os municipios asturianos de Coaña e Navia.
As 16 administracións locais, representadas polas súas respectivas alcaldías, corresponden ás de Allande, Becerreá, Boal, Cervantes, Coaña, A Fonsagrada, Grandas de Salime, Ibias, Illano, Navia, Navia de Suarna, Negueira de Muñíz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Pesoz e Villayón. Conforme ao texto do convenio, a representación do conxunto das mesmas virá dada por catro delas, en concreto dous correspondentes a Galicia (Navia de Suarna e As Nogais) e outras dúas correspondentes a Asturias (Grandas de Salime e Villayón).
Entre os labores expresados atópanse a interlocución coas Administracións Autonómicas da Xunta de Galicia e do Principado de Asturias, xunto cos Ministerios do Goberno Central que para o efecto corresponda, así como ante calquera outra administración, entidade ou organismo que poida ser conveniente para o futuro desta Senda.
O Convenio, de duración indefinida e renovable conforme aos procesos electorais que ocorran durante a súa vixencia, contempla a celebración de reunións anuais, coa posible convocatoria de axentes privados e doutros expertos que por razón das materias para tratar para o efecto póidanse convocar.