Site icon Crónica3.com A Mariña

Este sábado preséntase o Cartel da Semana Santa de Viveiro e a programación Adral

Viveiro, 10 de marzo, 2025. O Programa Adral é xa un clásico de actividade relixioso-cultural que organiza a Xunta de Confrarías da Semana Santa de Viveiro.

É a preparación para vivir intensamente a nosa Semana Maior, e que a través de concertos, conferencias, etc. predispón a rememorar a Semana de Paixón de maneira Sentida “como vimos insistindo ano tras ano”.

Dará comezo este Sábado 15 de marzo ás 12:30h no Salón Multiusos do Concello de Viveiro coa Presentación do Cartel representativo da nosa Semana Santa de Viveiro 2025, e ademais todas as actividades do Programa Adral que se celebrará ata o día 12 de abril onde darase paso ao Pregón da Semana Santa 2025.

Concerto Nicolás G. Naval

Ese mesmo día de presentación do Programa, xa hai en programación un magnífico acto de apertura, que está promovido pola Xunta de Confrarías e o gran músico e compositor, Nicolás Gómez Naval (Trompa Principal da Orquestra Sinfónica de Galicia), que para orgullo de todos os viveirenses, non só será escoitado pola valía das súas obras con trompa, senón que ao ser de Viveiro “moverá o noso corazón”. Músico de grandes voos, enorme prestixio e recoñecemento a nivel estatal e internacional como testemuña o seu currículo, dedicará este día aos presentes, acompañado doutros grandes músicos de gran renome, Florian Vlashi, Violinista, así como Alicia González Permuy, ao Piano, cun extenso currículo (Summa Cum Laude), brillante pianista no Conservatorio Superior de Música da Coruña e habitual coa Orquestra Sinfónica de Galicia.

Este recital musical do sábado día 15 será ás 20:30h na Igrexa das MM Concepcionistas de Viveiro.

Exit mobile version