
Foz, 14 de marzo de 2025. O Concello de Foz abre ao público mañá, sábado 15 de marzo, ás 11 horas o Parque Canino Pico do Castro, que é o primeiro da Mariña. A inauguración contará con presenza do alcalde, Fran Cajoto, e outros membros do goberno municipal, con representantes da Asociación Amigos dos Cans Foz e da Protectora de Animais de Foz (sen confirmar) e con monitores e alumnos da escola obradoiro que fixeron posible a recuperación e rexeneración das antigas instalacións de gas onde se sitúa o parque.
O alcalde convida a todas as veciñas e veciños con peludos a acudir mañá, sábado, cos seus cans a coñecer unhas instalacións que contan con 2.000 metros cadrados de superficie, xogos de agility para os cans, fonte para persoas e animais, bancos e marquesiña para resgardo da choiva.
O Parque Canino Pico do Castro está situado na rúa Costa do Castro, a carón das letras de Foz e fronte ao cemiterio.