Decidirán as entidades que recibirán as achegas para investigación e as súas contías
Como é habitual darase conta das actividades realizadas en 2024, e tamén se informará aos asistentes do estado de contas da asociación. A directiva presentará o presuposto do colectivo para este ano 2025 e proporán e someterán á aprobación dos asistentes as distintas actividades a realizar durante o presente 2025.
Especial relevancia tén o referido ás entidades ás que este ano Esperanza entregará donativos para a axudar á investigación, prevención, diagnose e tratamento do cancro, así como de axuda ás persoas e familias afectadas. Na asamblea do vindeiro venres a directiva e asistentes estudiarán as distintas alternativas que se baraxan e tomarase unha decisión ao respecto, para procurar que as achegas económicas ás entidades poidan facerse antes do verán.
Esperanza anima ás persoas asociadas a participar activamente na asamblea, agradecendo de antemán a súa presencia. Asimesmo, tamén agradece a colaboración e aportación das persoas socias e a de todas aquelas persoas e entidades que colaboran a cotío coa asociación, para axudar a concienciar á sociedade da importancia de fomentar a investigación, así como mellorar a prevención, a diagnose e o tratamento, e afondar no apoio social ás persoas que sofren a enfermidade e ás súas familias.