Site icon Crónica3.com A Mariña

Empresas e axentes de emprego reúnense este mércores en Burela para impulsar a contratación

Burela, 18 de marzo de 2025. O Concello de Burela organiza un encontro entre empresas e axentes de emprego co obxectivo de mellorar as oportunidades laborais na zona e facilitar a contratación de profesionais cualificados. O evento terá lugar mañá, 19 de marzo, ás 12 horas, no Salón de Plenos do Concello

As empresas locais poderán coñecer os servizos da Orientadora Laboral do Concello de Burela, un servizo subvencionado con fondos autonómicos, así como as propostas formativas dispoñibles no Centro de Formación Ocupacional. Ademais, obterán información sobre os perfís profesionais máis demandados, as posibilidades de contratación e as iniciativas en marcha para mellorar a cualificación dos traballadores.

A xornada tamén contará coa participación de representantes da Cofradía de Pescadores, Cruz Roja e do Centro de Refuxiados de Burela da ONG Rescate Internacional.

A alcaldesa de Burela, Carmela López, subliñou a importancia deste tipo de iniciativas para a dinamización económica local. “O noso obxectivo é ofrecer ás empresas locais todas as ferramentas e recursos posibles para facilitar a contratación e mellorar a súa competitividade. Este encontro é unha oportunidade única para establecer unha colaboración estreita entre os axentes de emprego e as empresas”, comentou López.

O evento tamén incluirá un espazo aberto para que as empresas poidan resolver dúbidas e interactuar directamente cos axentes de emprego presentes. Ademais, detallaranse as distintas vías de contratación e as oportunidades formativas que se ofrecen desde as entidades locais para mellorar a inserción laboral.

Este encontro forma parte dunha estratexia global do Concello para fortalecer o tecido empresarial local, mellorar a inserción laboral e fomentar a cooperación entre as empresas e as entidades de emprego.

Exit mobile version