Os números son claros. É irrefutable que a administración que máis inviste en Viveiro e en todos os concellos da provincia de Lugo é a Xunta de Galicia.
Por exemplo, no ano 2024 mentres que a Deputación de Lugo aportou algo máis de 1,5M€; a Xunta achegou, en termos reais, máis do dobre de fondos ao Concello, máis de 3,8 M€. E todo isto sen contar as cifras millonarias en sanidade, educación, axudas a particulares, empresas e todas as competencias propias que a Xunta presta no municipio.
Polo tanto, en Viveiro non se pode alegar desatención por parte da administración autonómica. Nin teñen cabida as acusacións de sectarismo por parte da ex alcaldesa socialista de Viveiro, a señora María Loureiro, á administración autonómica coas que intenta xustificar moitos anos de inacción dos gobernos municipais.
Un non pode tapar a falta de traballo ou de acerto cargando a culpa aos demais. Facerse trampas ao solitario non resulta, non as cre ninguén e o máis danado sempre é un mesmo, como se viu co tempo.
É curioso que unha representante política do Partido Socialista, unha das máis beneficiadas polo uso sectario das institucións que practica a diario o goberno provincial da Deputación de Lugo, vexa nos demais precisamente a política que practican os seus compañeiros e xefes.
Agardo que agora, que acaba de chegar ao Pazo Provincial da Deputación; aplique as súas propias reflexións no seu novo cometido e, como asesora directa de Presidencia, prégolle que intente que o seu actual xefe aplique na institución, da cal depende agora mesmo, esa igualdade da que presume e que nunca practicou nin vostede nin o seu partido.
Agardo que de agora en diante na Mariña lucense, e no resto da provincia, non haxa veciños de primeira e de segunda para a Deputación de Lugo porque, ata o de agora, sempre os houbo para o PSOE e o BNG. Gustaríame que evite casos tan flagrantes como a firma de 77 convenios durante o 2024 con concellos do PSOE ou do BNG por parte da institución da que agora forma parte e de 0 convenios de axuda para Concellos nos que o seu goberno sexa do PP. Esta é a igualdade da que presume María Loureiro.
Todos os veciños da provincia agradeceranlle que nesta nova etapa na institución provincial defenda esa igualdade de trato que pide aos demais. Estou seguro que calquera de nos, firmaría porque a Deputación de Lugo actuase coa mesma xustiza, igualdade e transparencia que a Xunta xa aplica a todos os concellos.
Desexándolle o mellor para o seu futuro, quero aproveitar para pedirlle de novo que eses criterios de igualdade dos que presume e pide aos demais os aplique e teña en conta nas súas novas responsabilidades na Deputación Provincial.
Porque, efectivamente, María, non todos somos iguais. Para a Deputación, non.
Antonio Ameijide, Portavoz do Grupo Provincial Popular