Ribadeo, 20 de marzo de 2025. Do 28 ao 30 de marzo terán lugar en Ribadeo as xornadas gastronómicas do peixe espada. Están organizadas por Acisa coa colaboración da Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela. Na cita gastronómica participan 15 locais hostaleiros.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, contou que “como di o slogan do 28 ao 30 de marzo en Ribadeo trunfan espadas. Esa fin de semana terán lugar as xornadas gastronómicas do peixe espada de Burela nas que participarán 15 locais hostaleiros asociados a Acisa Ribadeo, que van ofrecer tapas e pratos preparados con este peixe capturado polos barcos do porto burelés. Grazas á colaboración da OPP-7 Burela puidemos desde Acisa organizar esta nova cita. A OPP facilítanos de forma gratuíta 75 quilos de peixe espada que imos distribuír entre os bares, mesóns e restaurantes que participan nestas xornadas sen ningún tipo de custe para eles”.
Segundo explicou o xerente de Acisa, Jesús Pérez, “esta é xa a quinta vez que desde Acisa regalamos materia prima para a elaboración das tapas e dos pratos ás nosas asociadas e asociados, co que pretendemos deste xeito aforrarlles custes nalgunhas das campañas que lles propoñemos. Isto marca unha liña de acción da nosa asociación para este tipo de eventos, que se iniciou coas xornadas da lura, as da merluza de Burela, as da cabala e as dos torresmos e que seguen agora co peixe espada. Ademais trátase dunha achega importante: aportamos aos locais unha parte do produto que van empregar para elaborar as súas preparacións. Os bares van ofrecer tapas e os restaurantes diferentes pratos dun produto pouco común, como é o peixe espada”.
Carmen Cruzado dixo que “as diferentes elaboracións poderán atoparse nas redes sociais de Acisa ao longo da vindeira semana, para a súa consulta e así coñecer as propostas de cada local. Son 15 establecementos os que ofrecerán as súas orixinais preparacións de peixe espada, de venres a domingo. Os locais participantes son: O Lar de Manolo, La Quinta, A Horta de San Roque, O Indiano, La Solana, San Miguel, Parador de Turismo, Ramonita, Costa Verde, Mesón D´Cata, Mareta, O Tumbín Ponte dos Santos, Marinero, Barallocas e Los Dulces de Delphine”.
Pérez Prada manifestou que “con estas xornadas o que pretendemos é botar unha man e axudar á dinamización do sector hostaleiro nesta data tan especial que coincide co final do inverno e o cambio horario, aproveitando que os días xa son máis grandes para poder saír á rúa cun plan gastronómico inigualable, ofrecendo unha alternativa aos ribadenses e á veciñanza doutras localidades da Mariña e do Occidente asturiano a que veñan gozar dunha proposta gastronómica diferente. Agardamos desde Acisa que sexa unha fin de semana de moito movemento en Ribadeo”.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, engadiu: “queremos tamén contribuír á concienciación da importancia de consumir peixe, por saúde e por sabor. E si é peixe do porto de Burela, moito mellor. Desde Acisa queremos agradecer a colaboración e o apoio da OPP-7 para poder organizar estas novas xornadas gastronómicas en Ribadeo e así facilitarlles parte do produto aos locais participantes. É a terceira vez que apoian deste xeito á nosa asociación e estamos encantados coa súa axuda”.
No acto de presentación participaron: Abelardo Basanta, presidente de Absa e vicepresidente da OPP-7 Burela; Sergio López, xerente da OPP-7 Burela; José Manuel Fernández, secretario técnico da OPP-7 Burela; Miguel Neira, xerente de Absa; Carmen Cruzado, presidenta de Acisa; e Jesús Pérez, xerente de Acisa.