Ribadeo, 21 de marzo de 2025. Do 22 de marzo ao 11 de abril poderase visitar no Campo de San Francisco a exposición Mulleres x Mulleres, organizada pola Concellería de Igualdade. No acto de inauguración, previsto para este sábado ás 12:30 horas, participarán catro voces da música galega que interpretarán O noso canto.
A concelleira de Igualdade, Begoña Sanjurjo, dixo que “dentro da programación do 8M deste ano, chega a nós a exposición Mulleres x Mulleres que inauguraremos este sábado 22 ás 12:30 do mediodía no Campo de San Francisco.
A edil ribadense explicou que “é una exposición que quere render homenaxe a mulleres ribadenses de nacemento ou adopción en diversos ámbitos: na ciencia, no deporte, na música, na política, na filantropía, no comercio… É unha exposición que é un principio, pero que non está pechada. Queremos visibilizar ás mulleres ribadenses para que outras que veñen detrás saiban que poden transitar por onde elas queiran, que poden abrir camiños, ou seguir os que outras xa comezaron”.
Sanjurjo sinalou que “esta exposición foi confeccionada polo alumnado do Obradoiro de Animación Sociocultural e quero darlles as grazas pola súa implicación neste traballo. Trátase dunha mostra composta por 12 paneis da que gozaremos no exterior”.
A concelleira de Igualdade subliñou que “no acto de inauguración contaremos coa presenza de catro voces da música galega: Lucía Pérez, Rosa Cedrón, Claudia Abril e María Jorge, que nos interpretarán a peza O noso canto, composta por Belem Tajes, partitura que nos une a todas e que resume no retrouso a certeza de que xuntas camiñamos resoltas cara adiante Tira de min que eu sempre tirarei de ti”.
Begoña Sanjurjo anima “ás veciñas e veciños a que nos acompañen nesta celebración. Vémonos no campo”.