Site icon Crónica3.com A Mariña

Derbi de cor laranxa entre o o Burela FS feminino e o Ence Marín Futsal (6-1)

O conxunto laranxa dominou todo o encontro e certificou a súa aplastante vitoria nun segundo tempo no que desarbolaron por completo ás marinenses

Burela, 1 de marzo, 2025. O conxunto feminino do Burela FS superou con esmagadora autoridade a un Ence Marín Futsal (6-1) que cae a postos de descenso tras esta vixésimo segunda xornada da Primeira Iberdrola FS. As mariñás xa dominaron amplamente o primeiro tempo, pero só pudieron marchar ao descanso cun escaso 1-0 despois de perdoar moitas ocasións ante o marco contrario. No segundo melloraron a súa eficacia e o cadro pontevedrés non tivo opcións diante das futbolistas dirixidas por Julio Delgado.

O primeiro tempo foi un monólogo do conxunto laranxa, que dominou a posesión do balón e acumulou ocasións de gol no marco de Patri. O tanto, ademais, chegou na primeira oportunidade de gol, xerada nun saque de banda de Antía Pérez ao que chegaba Dinha coa coxa para adiantar ás burelistas.

O gol non cambiou o decorado e as discípulas de Julio Delgado non deixaron de buscar o segundo tanto durante o resto do primeiro período. Tívoo Antía Pérez no minuto 4, pero a súa gran picada sobre a saída de Patri foise ao pau dereito de meta marinense. Probaríao de novo a de Laza pouco despois, nunha deixada de Débora de pívot, pero o seu remate foise moi centrado e detívoo sen apuros a porteira visitante.

Co ecuador da primeira entrega superado, Patricia recibía no pívot, virábase moi ben e o seu disparo cruzado impactaba no pau da meta pontevedresa. Non sería o último, xa que no 18 era Cris Lourés a que se atopaba coa madeira noutro remate cruzado tras unha gran parede con Dany. Previamente, nun saque de esquina de Cilene ao segundo pau, era Cami a que remataba abaixo e sacaba con apuros Patri cos pés. Con 1-0 no marcador e a pouco máis dun minuto do intervalo, o Ence Marín Futsal tivo a súa única e gran ocasión da primeira metade nun balón en longo de Patri que deixaba soa a Café ante Ana Eliza. Resolvía ben a brasileira metendo unha perna e enviando o balón a córner.

O guion do segundo tempo foi idéntico, cun Burela FS que anotou no seu primeiro achegamento ao marco contrario. Cando non se disputara aínda medio minuto, Débora recibía no pívot, realizaba un gran reverso e batía a Patri cun gran disparo cruzado. O cadro mariñao seguiu insistindo e, tras un remate de primeiras de Dinha que se ía preto da escuadra tras un córner botado por Antía Pérez, Débora marcaba o seu segundo tanto nun remate a pracer no segundo pau tras unha gran asistencia de Antía Pérez.

O Marín era incapaz de deter o caudal ofensivo laranxa e logo de perdoar Cris Lourés nun remate con todo a favor, de novo as locais castigaban ás brancocelestes nunha acción de estratexia. Cilene sacaba unha falta centrada e Dany tan só tiña que empuxala no segundo pau.

Con 4-0 no electrónico e a 8 minutos e 55 segundos da conclusión, o cadro pontevedrés apostaba por sacar a Miriam coa camiseta de porteira-xogadora e chegaba a primeira intervención de Caridad no partido, desviando un disparo afastado de Guida. O cadro burelés defendeu ben o xogo de cinco visitante e mesmo aumentou a súa renda. No 34 era Noelia Montoro a que aproveitaba un balón morto para marcar desde campo propio coa zurda aproveitando que a portería visitante estaba baleira. Dous minutos máis tarde repetía a acción Cris Lourés para facer o sexto.

Coa vitoria no peto, o Burela sesteou nos dous últimos minutos e as marinenses anotaban o tanto da honra nunha acción na que Café case chegaba a liña de fondo e servía ao segundo pau para que Miriam rematase libre de marca. 20 segundos máis tarde, a propia Miriam atoparíase co traveseiro e o marcador xa non se movería do 6-1 definitivo.

Ficha Técnica Burela FS 6-1 Ence Marín Futsal

Burela FS (6): Ana Eliza; Noelia Montoro, Antía Pérez, Dinha, Débora -quinteto inicial-, Cami, Cilene, Dany, Cris Lourés, Emilly, Patricia e Caridad (ps).

Ence Marín Futsal (1): Patri; Patri Corral, Mirima, Gi Portes, Guida -quinteto inicial-, Café, Lucía, Carolina Bravo, Morgana, Paula e Ana Pinto (ps).

Goles: 1-0, min. 2: Dinha. 2-0, min. 21: Débora. 3-0, min. 23: Débora. 4-0, min. 28: Dany. 5-0, min. 34: Noelia Montoro. 6-0, min. 36: Cris Lourés. 6-1, min. 38: Miriam.

Árbitros: Paula Álvarez e Sergio Toral (Castela e León). Amoestaron á local Antía Pérez e á visitante Gi Portes.

Incidencias: Encontro da vixésimo segunda xornada da Primeira Iberdrola femenina disputado no pavillón de Vista Alegre diante duns 600 espectadores. Nos prolegómenos do encontro homenaxeouse á futbolista local Emilly Marcondes polo seu recente nomeamento como mellor xogadora do mundo, premio concedido pola publicación internacional Futsal Planet. O presidente do club burelés, Manolo Blanco, fixolle entrega da placa que a acredita como vencedora do premio e dun obsequio que repasa as súas primeiras temporadas na entidad laranxa.

Exit mobile version