Ribadeo, 8 de marzo de 2025. Ribadeo corre o risco e quedar sen auga. Así o asegura con preocupación o alcalde, Dani Vega. A solución está cada día máis cerca. O proxecto definitivo para a renovación da rede de abastecemento irá ao pleno do vindeiro 18 de marzo e a continuación o Concello sacarao a licitación.
O alcalde, Dani Vega, pregúntase: “¿Ribadeo queda sen auga?. É unha pregunta que nos facemos continuamente e a resposta, moi concreta, é si. Temos o 95% de posibilidades de quedar sen auga. Polo tanto, tiñamos que buscar unha solución, buscamos esa solución e xa vai ao pleno do martes, 18 de marzo, o proxecto definitivo que dará paso á licitación para que todas as empresas se poidan presentar para construír a nova rede de abastecemento da auga”.
O rexedor dixo que “Ribadeo ten un problema de rede, non ten un problema de captación hídrica. Toda a tubaxe que ven desde Vilarbetote a Ribadeo, vaise renovar por completo, porque estamos a sofrir roturas continúas. Todos os días hai un rotura”.
Vega subliñou que “non podemos permitir que Ribadeo quede sen auga. Se queremos que Ribadeo siga medrando en poboación, se queremos que se constrúan mais edificios, evidentemente debemos dar moitas respostas, pero unha delas é o servizo e o subministro de auga. Iso é traballar para o Ribadeo dos próximos anos. Iso é traballar pensando nos problemas importantes e prioritarios”.
O alcalde sinalou que “o subministro da auga que vai por debaixo da terra e non se ve, parece que non se valora, pero eu entendo que as administracións estamos para priorizar e estamos para traballar en buscar solucións. E esta foi unha solución, foi un traballo de forma unida entre todas as administracións. Eu agradézolle profundamente a Augas de Galicia, á Xunta de Galicia, todo o financiamento para resolver este problema, 7,5 milóns de euros, que non é moi fácil buscar esta inversión, buscar este orzamento. E tamén lle agradezo ao Consello de Trabada a colaboración para que conxuntamente con Ribadeo, que liderou a xestión, busquemos unha solución para tamén garantir ese servizo de auga a Trabada e, sobre todo, a Ribadeo”.
Para Dani Vega “un traballo ben feito acaba en bo porto e neste caso vai xa o proxecto o día 18 a pleno, aprobarase definitivamente e daremos paso á licitación. Un problema que tiñamos durante moitos anos, un problema que viñamos falando del, que se propoñían moitas ideas, que habían moitas persoas que falaban de posibles solucións, pero que nunca se concretou. E neste ano e pico de goberno, xa concretamos unha solución, xa temos o proxecto, aprobamos o proxecto e en breve o sacaremos a licitación. Polo tanto, un problema de moitos anos, ao que lle buscamos a solución entre todos”.