Site icon Crónica3.com A Mariña

Continúan en Trabada os cursos de enxerto

Trabada, 5 de marzo de 2025. A Asociación de Veciños San Julián de Sante continúa co seu ciclo de formación centrado no desenvolvemento e aproveitamento da froita. Dentro deste programa, o vindeiro 8 de marzo celebrarase un curso de enxerto no Teleclub de Sante en horario de 10:00 a 19:30 horas.

Esta xornada está deseñada para ensinar técnicas de enxerto que permitan mellorar o desenvolvemento e a produtividade das árbores froiteiras. A formación será impartida por expertos na materia e combinará explicacións teóricas con demostracións prácticas para que os participantes poidan aprender de forma aplicada.

O curso enmárcase dentro do ciclo formativo que xa contou cun de poda e que continuará con formacións en apicultura e elaboración de marmeladas, completando así unha proposta integral para fomentar o coñecemento e aproveitamento dos recursos naturais.

O alcalde de Trabada, Rubén García, salientou a importancia destas iniciativas que contribúen a dinamizar o concello e a ofrecer novas oportunidades de aprendizaxe para a veciñanza. Así mesmo, reafirmou o compromiso do Concello de Trabada en seguir apoiando proxectos que favorezan o desenvolvemento rural e a sustentabilidade.

Exit mobile version