As competicións terán lugar o 22 de marzo, o 5 de abril, o 26 de abril e o 11 de maio
Cervo, 20 de marzo, 2025. O Concello de Cervo será este sábado escenario por primeira vez dunha proba de atletismo do Programa Xogade da Xunta de Galicia.
Así, prevese que máis de 300 atletas, das categorías Benxamín, Alevín e Infantil se dean cita nas pistas municipais da Veiga procedentes de diferentes clubs de toda A Mariña e tamén da Terra Chá e que competirán nas modalidades de 50m, 60m, 80m, 1000m, altura, relevos, lonxitude ou peso.
A alcaldesa, que presentou o evento en compañía do Xefe Provincial de Deportes da Xunta, Manuel Cadramón, e do delegado responsable da Federación Galega de Atletismo para a Delegación de Lugo, Pablo Gandoy, amosou a súa ledicia porque Cervo entre a formar parte do circuíto do programa Xogade, ademais cunha alta participación “ e que vai supoñer unha oportunidade e atractivo para seguir contribuíndo ao desenvolvemento socioeconómico do concello”.
Nesta liña, indicou que se trata dun dos programa máis destacados da Xunta de Galicia que aposta por promover os valores fundamentais do deporte desde as idades máis temperás e apuntou que ao tempo “este tipo de competicións que moven a tanta xente son un aposta tamén importante para desestacionalizar o turismo fóra da tempada alta, e unha oportunidade para amosar os atractivos do noso Concello a todos os que se acheguen a Cervo esta fin de semana”.
Este sábado, 22 de marzo será a primeira das catro probas que acollerán as pistas de atletismo da Veiga, entre as 10:00 e as 14:00 horas; e as seguintes citas do calendario serán o 5 e o 26 de abril, e o 11 de maio.
Xogade é un programa nado na tempada 2009/10 para dar resposta ao Plan Galicia Saudable da Xunta de Galicia, en colaboración coas federacións e agrupacións deportivas escolares galegas. Máis do 50% dos/as escolares galegos/as de entre 6 e 16 anos gozan da experiencia Xogade, chegando a preto de 150.000 nas últimas tempadas.
Este programa ten como iniciativa levar a actividade a todos os concellos galegos, mentres brinda a todos/as os/as escolares galegos/as a posibilidade de practicar e competir con outros colexios e clubs.