O orzamento da obra ascende a máis de 48.000 euros, financiados con fondos do Plan Único
Cervo, 25 de marzo do 2025. O Concello de Cervo traballa estes días na mellora e acondicionamento dun camiño rural situado no lugar de Cambeiros, na parroquia de Rúa cuxa superficie de actuación é de 3390 m2.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, e o concelleiro de Medio Rural, Adrián Arias, achegáronse ata a zona para supervisar a actuación financiada con fondos do Plan Único.
O proxecto contempla a reparación da capa de rodadura do camiño coa fin de facilitar a accesibilidade ás parcelas establecidas nesa zona. Realizarase – tamén – a apertura de cunetas para favorecer a drenaxe e a evacuación das augas pluviais do camiño, e farase unha limpeza manual dos caños existentes para facilitar o paso da auga da chuvia.
Esta obra contribuirá a mellorar a seguridade tanto do tráfico rodado como peonil nesta zona, creando un camiño público municipal rural de calidade, cómodo, seguro e accesible, precisou a alcaldesa. Con esta obra “incrementamos ademais as infraestruturas básicas nesta zona, mellorando as dotacións públicas nesta zona rural do noso municipio” engadiu a rexedora.
O orzamento da actuación supera os 48.000 euros -48.158,45 euros concretamente-.