O CEDER Oscos-Eo, no marco do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) e con financiamento dos Fondos da Unión Europea – Next Generation, lanza unha iniciativa formativa destinada a fortalecer as competencias dos empresarios e profesionais da comarca. Esta proposta busca dotar aos participantes de ferramentas clave na xestión e promoción dos seus negocios, co obxectivo de aumentar a competitividade do sector turístico.
O programa, que se desenvolverá en Vegadeo entre os meses de abril e maio, estrutúrase en tres bloques temáticos esenciais:
1. Habilidades comunicativas e liderado: Desenvolvemento de destrezas para mellorar a xestión de equipos e a relación con clientes.
2. Dixitalización e márketing turístico: Estratexias e ferramentas dixitais para optimizar a presenza e visibilidade dos negocios.
3. “Re-coñecendo a comarca”: Saídas técnicas ao territorio para redescubrir e potenciar os recursos locais desde unha nova perspectiva.
As sesións, que suman un total de 60 horas presenciais, estarán impartidas por expertos de recoñecida traxectoria en cada área, apostando por un enfoque práctico e vivencial que permitirá aplicar os coñecementos adquiridos desde o primeiro momento.
Esta formación foi deseñada en base a unha análise participativa realizada xunto a asociacións do sector, respondendo así as necesidades reais dos empresarios. Ademais, estruturouse en semanas intensivas para facilitar a asistencia dos participantes sen interferir na súa actividade diaria.
As inscricións están abertas e poden realizarse a través do código QR dispoñible no cartel do evento, que enlaza a un formulario web.
Este programa é a primeira acción implementada dentro do eixo de competitividade do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino, e nos próximos meses lanzaranse novas iniciativas para seguir impulsando a innovación e competitividade do sector turístico na comarca.
Con todo, para máis información, contactar con CEDER Oscos-Eo.