O restaurante El Oviedo retoma o seu ciclo de actividades cun concerto de jazz o vindeiro venres 21 de Marzo
Ribadeo, 18 de marzo de 2025. Ao longo destes últimos anos o restaurante El Oviedo, un clásico do centro de Ribadeo, afianzou unha nova oferta que complementa a que tradicionalmente ofreceron aos seus clientes. Trátase dun ciclo de actividades culturais que con carácter periódico chegan ao seu espazo para, a través de concertos, catas e encontros de diversa índole, dinamizar o tecido cultural ribadense.
Dado o éxito das convocatorias do último ano, os propietarios do restaurante decidiron continuar con este labor, traendo ata Ribadeo a bandas de música de renome, pero tamén a produtores artesáns do ámbito agroalimentario, combinando a súa presenza con menús degustación e bocados únicos, pensados especificamente para cada cita.
O calendario de actividades retómase o vindeiro venres 21 de marzo e traerá de novo á cantante e instrumentista Carmen Rey, unha recoñecida voz dentro do panorama jazzistico galego.
Carmen Rey, realizou os seus estudos musicais no Conservatorio Superior da Coruña e complementou os seus estudos na Escola de Música Creativa de Madrid. Comezou a súa carreira como vocalista de jazz en 1992 co Nani García Trío. Formou parte da Old Dixie Jazz Band o Xío, ademais de compartir escenario con grandes nomes como Brian Trainor, Jorge Pardo, Perico Sambeat ou Jeff Jerolamon e colaborou con Xosé Manuel Budiño como vocalista.
Detrás dela, escóndense 30 anos dedicados ao escenario, desde ese primeiro concerto aos 18 no Jazz Filloa co que se estreaba no mundo do soul. Hoxe, a artista atópase en plena efervescencia de proxectos.
Pola súa banda, o equipo do restaurante deseñará un menú específico para esta convocatoria.
As prazas son limitadas e é imprescindible reserva.